Juan Fariña foi presentado esta mañá por Ángel García Seoane, presidente de Alternativa dos Veciños, como candidato no Concello de Bergondo. Fariña, que tamén estivo acompañado por Pilar Barja e Pablo Santiso, que o acompañarán nos primeiros postos da lista electoral, é o actual concelleiro de Infraestruturas, Urbanismo e Medio Ambiente e voceiro municipal de Alternativa.
Nas próximas eleccións municipais, Alternativa dos Veciños aspira a ser a lista máis votada en Bergondo para ocupar a alcaldía e poder impulsar os numerosos proxectos que a actual alcaldesa non foi quen de poñer en marcha durante os últimos 15 anos. Bergondo necesita un Plan Xeral e un Goberno activo para crear os novos servizos e equipamentos públicos que precisa para acadar un futuro de progreso. “Fago un chamamento a todos aqueles veciños e veciñas que votaron a outras forzas políticas e que queren o mellor para Bergondo que confíen en Alternativa para que poidamos mellorar a calidade de vida no municipio”, dixo o candidato.
Desde hai 6 anos, Juan Fariña está a desenvolver un importante traballo dentro do Goberno municipal, acometendo importantes melloras en camiños e rúas, dotando de novas redes de auga e saneamento a distintos núcleos ou demandando continuamente obras de interese xeral a outras administracións.