Saturday 16 de November de 2024

O BNG acusa ao Goberno do PP de “falta de receitas” para solucionar os graves problemas da sanidade pública


O BNG apoiou un día máis a undécima concentración veciñal en defensa da Sanidade pública en Corrubedo na que se lle demanda ao Goberno galego cubrir a praza do profesional médico a tempo completo que evite os deprazamentos a Ribeira e colapsar aínda máis ese centro de saúde. Para os concelleiros Luís Pérez Barral e Cruz Rivadulla Márquez o Partido Popular está de brazos cruzados mentres se agrava a situación de precariedade na sanidade pública, especialmente no rural.

A concelleira, Cruz Rivadulla, relacionou este deterioro da sanidade pública galega cos “recortes orzamentarios que leva aplicando o Partido Popular durante 13 anos” e asegurou que “menos orzamento é menos Atención Primaria, chave para a prevención da saúde das galegas e galegos”. Segundo a edil nacionalista “non cubrir as prazas fai que medren as listas de espera, deteriórase a atención aos doentes e mesmo xa se notan as consecuencias no Hospital da Barbanza cunhas Urxencias colapsadas”.

Desde o BNG reclaman a adopción de medidas empezando por un plan de choque de 200 millóns de euros, dotar os centros de saúde de novas especialidades, como psicoloxía clínica e un plan ambicioso e con investimentos para reducir as listas de espera ao tempo que lle recriminan ao Goberno galego a súa actitude de “negar o que está a ocorrer coa Sanidade”.

Por último os nacionalistas aseguran que non van deixar de traballar a favor da sanidade pública tanto nas institucións como na rúa e, neste sentido, apoiarán as mobilizacións que convoque a cidadanía en calquera punto do País, como a prevista para o próximo 12 de febreiro, “porque o BNG está sempre do lado da xente e preparado para liderar un cambio de rumbo”, concluíron.