A sesión está convocada para hoxe xoves a partir das 19:30h
San Sadurniño celebra este xoves 26 de xaneiro o seu primeiro pleno do ano. Unha sesión ordinaria convocada para as 19:30h que inclúe na súa orde do día un total de 10 asuntos para tratar, incluído o referido a rogos e preguntas. Os máis destacados son a votación do IV Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes de San Sadurniño, a desafectación de dous camiños na zona da Bidueda e a aprobación plenaria da auditoría sobre a xestión da auga municipal. Ademais tamén se debaterá unha moción presentada polo concelleiro do PSOE referida ao proxecto anunciado pola Xunta para a construción dun aparcadoiro disuasorio na Casanova. Coma sempre, e salvo incidencias técnicas, o pleno poderá seguirse ao vivo a través de Facebook e o audio íntegro estará dispoñible en iVoox minutos despois do seu remate.
A sesión tamén inclúe asuntos de índole contable e económica que se tratarán en distintos momentos, como é o caso da rectificación de dereitos pendentes de exercicios anteriores ou a depuración de obrigas correspondentes a orzamentos pechados.
Porén, o primeiro tema de calado será a exposición, debate e votación do contido do novo Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes (PIOMH) de San Sadurniño. Trátase dun documento “resultado dun proceso de reflexión colectiva” no que se leva traballando máis dun ano que, en primeiro lugar, fai unha diagnose do territorio desde distintos puntos de vista -poboacional, social, económica, dispersión, etc.-, afondando especialmente na análise do grao de cumprimento dos obxectivos marcados en plans anteriores.
Neste sentido propóñense medidas correctoras e aspectos nos que se debe seguir incidindo para conquerir unha igualdade plena, pero tamén se reconducen estratexias e márcanse novas liñas de traballo que lle dean resposta ao profundo cambio social que se produciu por mor da pandemia.
O plan, que terá unha vixencia de catro anos, estrutúrase en catro grandes liñas que se traducen en obxectivos concretos e, dentro deles, accións que se deben poñer en marcha para acadalos. As principais epígrafes refírense á necesidade de proseguir coa integración da perspectiva de xénero en todos os ámbitos da Administración municipal, a promoción do empoderamento feminino e a participación da muller na vida social e política, o desenvolvemento de medidas que favorezan a conciliación relacionada tanto con fillos e fillas como co coidado de persoas maiores e dependentes e, por último, o reforzo de todas aquelas actuacións que axuden a erradicar calquera forma de violencia de xénero.
Seguindo a orde do día, o seguinte punto refírese á aprobación plenaria do plan de actuacións para minimizar as perdas do abastecemento de auga municipal, en cumprimento das bases polas que se rexeu a concesión dunha subvención por parte de Augas de Galicia para levar a cabo unha auditoría en todo o sistema. Ademais de levar a pleno o listado de medidas correctoras dos principais problemas -sobre todo a antigüidade das conducións e dos sistemas de medida-, o Concello deberá subsanar varios documentos de cara a xustificar a axuda.
Noutra orde de cousas, o pleno tamén tratará a proposta de desafectar dous camiños municipais situados na Bidueda. Trátase de dúas pistas que discorren paralelas ao peche norte de INTASA e que quedan nas entremedias do complexo industrial e de terreos que tamén son da empresa, cuxa intención é ampliar as súas instalacións cara a esa zona. Ademais de á propia INTASA, o eixo só lle dá servizo a un propietario particular, quen está de acordo no trámite dado que dispón dun camiño con saída directa á estrada de Ferreira.
A penúltima cuestión de calado que se abordará antes de entrar no apartado de rogos e preguntas será o debate dunha moción rexistrada polo concelleiro socialista Lois Anxo Rodríguez na que critica duramente o proxecto da Xunta de Galicia de construír un aparcadoiro disuasorio na zona da Casanova, ao carón do enlace coa AG-64. O texto incide na “pouca utilidade” do investimento autonómico -que se financiará con fondos Next Generation- e acusa á Xunta de “deslealdade institucional” e “falta de diálogo” por promover o proxecto “de costas ao Concello”. Porén, alén de criticar, o concelleiro tamén propón alternativas para unha “mobilidade sostible”, que debería basearse no reforzo do transporte público.