Saturday 16 de November de 2024

O Concello axudará na elaboración das alegacións aos veciños afectados polas expropiacións do Plan de Mellora das Paradas de Autobús da Xunta


Bota en falta concreción en determinados aspectos do programa como a cuantía dos pagos polas expropiacións ou a reposición dos muros

Tal e como vén facendo dende que a Xunta publicase no Diario Oficial de Galicia o seu Plan de Mellora da Seguridade e Accesibilidade das paradas de autobús, o Concello de Neda axudará na elaboración das súas alegacións aos veciños e veciñas afectados polas expropiacións previstas. Así o recordou onte á tarde o arquitecto municipal na charla informativa que ofreceu na Casa das Palmeiras, coa asistencia dunha decea de persoas, e nun momento clave no que o documento se atopa en fase de información pública -ata o 13 de febreiro-.

Na charla, o arquitecto explicou que durante a fase de elaboración do plan a Xunta tan só trasladou ao Concello unha relación de localizacións de paradas de autobús sitas nos viais da rede autonómica, e que tiña acceso ao proxecto coa súa publicación no DOG, ao mesmo tempo que a propia veciñanza. Tralo análise do documento, constátase a existencia dunha trintena de propietarios de fincas limítrofes afectados, incluída a propia Administración local, así como a existencia de moitas dúbidas pola falta de concreción respecto a cuestións claves. Entre elas, está o importe individualizado que recibirán os propietarios dos terreos afectados polas expropiacións, o cal, en concepto de expropiacións e indemnizacións, ascende a un total de pouco máis de 114.000 euros (114.233,98 €). Tamén o proceder no caso de ser preciso a reposición de muros e peches -nalgúns casos contémplase sen concretar a forma e noutros non se detalla-. Tampouco se facilita un documento específico para a presentación de alegacións, polo que é preciso recorrer ao modelo tipo para a tramitación de escritos á Xunta (o PR004A).

Así mesmo, e dado que nalgunhas localizacións a afectación das parcelas privadas é compartida por varios titulares, poderíase plantear a presentación de alegacións conxuntas.

Nesta liña, o Concello reiterou a súa disposición a facilitar información sobre o documento, axudar na elaboración das alegacións e na tramitación -pódense presentar a través do Portelo Único da Administración local-, así como a realizar novas charlas informativas no caso de que a Xunta aporte nova información, especialmente relativa a aqueles puntos sobre os que non existen hoxe en día datos concretos.