Saturday 16 de November de 2024

Un desprendemento de terra ocasiona danos na pasarela de madeira de San Valentín


Costas e o Concello colaborarán na reparación

Os temporais de vento e chuvia das últimas semanas provocaron ducias de incidencias en toda a comarca e, no caso de Fene, as máis reseñables foron o rebordamento do Cádavo e a caída de árbores e pólas en distintos puntos do territorio. Porén, malia termos un tempo máis calmado, os efectos de tanta auga como caeu seguen deixándose notar. E para exemplo o desprendemento de terra que se produciu hai escasos días na ribeira de San Valentín, interrompendo o paso pola pasarela de madeira e incluso danando a súa estrutura. A reparación, pendente de cuantificar, será asumida pola Demarcación de Costas, mentres que o Concello se fará cargo da corta de varias árbores que ameazan con caer sobre o paseo.

O corremento foi de escasa entidade, pero a suficiente como para impedir que as persoas habituais do paseo puidesen completar o seu traxecto diario. E é que sobre da estrutura caeu terra, pedra e materia vexetal que quedou amoreada sobre as táboas, provocando ademais a rotura das varandas e dos soportes principais nun tramo duns cinco metros.

O Concello xa contactou coa Demarcación de Costas -que recentemente destinou case 30.000 euros ao adecentamento do paseo- para coordinar os traballos de reposición dos elementos danados, cuxos custes serán asumidos na súa totalidade polo ente estatal.

Pola súa banda, a Concellaría de Servizos ocuparase de revisar a consistencia do ribazo en todo o trazado para detectar puntos onde se poidan producir novos corrementos e, nese sentido, retiraranse árbores podres ou cun crecemento irregular que poidan contribuír a que o noiro se desestabilice.

Os labores de reparación iniciaranse nos próximos días, co obxectivo de que o tramo de madeira do paseo marítimo de San Valentín se reabra no prazo máis breve posible.