Saturday 16 de November de 2024

O Concello impulsa intervencións orzamentadas nuns 300.000 euros para a mellora da accesibilidade e iluminación de pasos de peóns


O Concello iniciou varias obras do proxecto de mellora de accesibilidade na zona urbana. A alcaldesa, Marián Ferreiro, indicou que están adxudicadas as obras que se acometerán na estrada de Castela, a zona de Cidade Europa, Santa Icía e Virxe do Mar, orzamentadas nuns 276.000 euros. Ferreiro explicou que se trata dunha intervención “moi importante para mellorar a accesibilidade na zona urbana, que nos permite continuar traballando nesta liña para facer de Narón unha cidade cada día máis accesible e integradora”.

“En total executaranse 134 intervencións en viais, cruces e prazas de vehículos para suprimir barreiras arquitectónicas, adaptando pasos de peóns e beirarrúas e mellorando as dimensións de prazas de estacionamento para persoas con mobilidade reducida”, avanzou Ferreiro. Do total de traballos programados, 65 levaranse a cabo na estrada de Castela –dende a rotonda de Freixeiro ata a Ponte das Cabras-; 59 na zona de Cidade Europa; seis en Santa Icía e as catro restantes en Virxe do Mar, tal e como figura no proxecto.

A alcaldesa avanzou que os traballos se executan tras establecerse un orde de prioridades para dar unha maior eficacia ao desenvolvemento das tarefas a realizar e, ao mesmo tempo, minimizar as posibles molestias deste tipo de actuacións de cara ao tráfico peonil e rodado. “Estes traballos complementan outros xa realizados para a mellora da accesibilidade, como a primeira fase da estrada de Castela, entre a ponte de Xuvia e a rotonda de Freixeiro e as de viais nas Vivendas da Mariña, entre outros”, indicou.
Así mesmo, de xeito paralelo estanse acometendo traballos de mellora da iluminación en varios pasos de peóns, seleccionados atendendo a criterios da Policía Local en diferentes ubicacións da cidade. Estas intervencións, executadas xa nunha decena de pasos e que continúan avanzando, lévaas a cabo persoal do departamento municipal de Servizos Básicos.

Na primeira fase dos traballos non se actuará nos pasos protexidos por sinalización semafórica e tamén se aposta por colocar as luminarias en elementos xa instalados do mobiliario urbán, evitando así un maior custe e tamén posibles barreiras arquitectónicas.