● O goberno local levará este venres a pleno a proposta para a súa aprobación.
● As obras que se acometerán nun primeiro momento son o arranxo das rúas no lugar de Dor e a reparación de pistas no lugar de Trasteiro, en Xaviña.
● No Plan Complementario incluíronse seis proxectos que suman 544.954,69 euros.
O Concello de Camariñas levará ao pleno ordinario que se celebrará este venres, 27 de xaneiro, a aprobación do Plan Único 2023 da Deputación da Coruña polo que se destinarán un total de 306.076,74 euros para ampliar e reforzar o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) municipal, pavimentar rúas e camiños, facer fronte a gastos correntes e reducir a débeda.
Así, por unha banda, o goberno local decidiu ampliar e reforzar o SAF cos 49.873,87 euros que lle corresponden do Plan Único Social, que se creou para sufragar gastos sociais extraordinarios.
Pola outra, a asignación do Plan Único 2023 de cooperación ás obras e servizos para o Concello de Camariñas suma un total de 256.202,87 euros, dos que 170.996,13 euros serán para financiar gastos correntes, 3.562,42 euros para a redución de débeda con entidades financieiras e 81.644,32 euros para investimentos.
Neste último epígrafe inclúense dous proxectos: o arranxo das rúas no lugar de Dor, que conta cun orzamento de 30.000 euros; e a reparación do pavimento de pistas no lugar de Trasteiro, en Xaviña, valorada en 51.644,32 euros.
Plan Complementario 2023
Ademais, tamén se leva a pleno a aprobación do Plan Complementario 2023, valorado en total en 544.954,69 euros, e que se destinará a seis proxectos: a reforma do parque infantil de Campo da Area (Camelle), a reparación do pavimento na rúa Carreira, a segunda fase da construción da senda a Lingunde, o arranxo e mellora de rúas no lugar de Santa Mariña, o arranxo das rúas Fonte e Xunqueira e melloras na rede de saneamento en Ponte do Porto e, por último, a humanización das rúas alcalde Noguera e Médico Tomás Artaza.