O Concello conmemorará este sábado o Día do bibliobús coa actividade “A Biblio sobre rodas”, unha proposta para menores a partir de 4 anos que tal e como avanzou a edil responsable da área, Mercedes Taibo, terá lugar este sábado ás 11.00 horas na Biblioteca do Alto. Os nenos e nenas que acudan poderán coñecer a historia dos bibliobuses, uns autobuses acondicionados como bibliotecas para levar os libros e a cultura ás zonas máis despoboadas que carecen deste servizo fixo. No transcurso da actividade verán tamén diferentes tipos de bibliotecas móbiles e elaborarán un bibliobús no que as nenas e nenos poderán viaxar cos seus libros favoritos.
As persoas interesadas en inscribirse poden facelo no mostrador da sala de adultos da Biblioteca ou chamando ao número de teléfono 981 382 173.