Alternativa dos Veciños vai presentar unha moción no pleno da Deputación para denunciar a venda por parte do Concello de Arteixo da parcela na que está o parque de bombeiros comarcal e outros servizos do Concello. Alternativa demanda que a Deputación da Coruña paralice o alleamento, dados os graves prexuízos económicos e sociais que se orixinan coa decisión do alcalde de Arteixo.
O Concello de Arteixo vén de anunciar unilateralmente que pon á venda a parcela número 24 do Polígono de Sabón. Nesta parcela sitúase o parque de bombeiros comarcal, cuxo mantemento é sufragado pola Deputación Provincial e a Xunta de Galicia. A día de hoxe non consta nin no Consorcio das Mariñas nin na Deputación coñecemento algún de cesamento de actividade do Parque comarcal de bombeiros, así como tampouco da autorización para o seu peche ou desprazamento. Non tendo, por tanto, xustificación algunha a decisión arbitraría e posiblemente ilegal do alcalde de Arteixo
Cal é o motivo de sacar agora á venda unha parcela por 4.199.000 euros, que estará adxudicada no mes de febreiro pero que o adxudicatario non poderá ocupala ata o 1 de xaneiro do 2025? Por que hai que tirar un parque de bombeiros para facer outro? Onde se vai a facer o novo parque e quen o vai pagar? Que intereses hai detrás de todo isto?
Alternativa dos Veciños tamén demanda que se convoque unha comisión urxente, por parte do Consorcio de Bombeiros para analizar e demandar as actuacións pertinentes, administrativas e xudiciais se procedese.