A proposta de ensinar distintos instrumentos musicais e ritmos modernos promovida polo músico Xoán Leis en colaboración co Concello vai iniciar a súa andaina oficial a partir do próximo mércores, 1 de febreiro, despois das dúas presentacións que se fixeron do proxecto a finais do ano pasado e que espertaron un grande interese entre a veciñanza. O listado de preinscricións feito daquela conta con case 40 persoas apuntadas que agora, unha vez aprobado o prezo público pola Xunta de Goberno Local, deberán tramitar a matrícula nun curso que se desenvolverá a xeito de proba durante os meses de febreiro, marzo e abril. O prezo será de 30€ mensuais para maiores de 18 anos e menores de 65, e de 25€ para menores de 18 e maiores de 65, con desconto dun 50% para quen acredite posuír o Carné Xove. O formulario de participación hai que rexistralo directamente no Concello ou ben a través da Sede Electrónica municipal.
Facer a solicitude formal é imprescindible para que o curso vaia adiante, posto que fai falla xuntar un grupo mínimo de 20 persoas participantes para que a iniciativa sexa viable. Até o momento mostraron o seu interese no proxecto un total de 37 persoas, seducidas pola idea de aprender un instrumento e distintos ritmos musicais cunha metodoloxía sinxela e moi dinámica que non esixe coñecementos previos.
O grupo mínimo é para todas as actividades, non para cada instrumento individual, de maneira que se confirmasen todas as persoas preinscritas poríanse en marcha clases de piano, batería, guitarra -eléctrica e clásica-, acordeón, tambor, baixo e incluso se podería incorporar a gaita como parte da formación a maiores da que xa se ofrece na escola municipal de música tradicional.
O Rock, o pop, o jazz, o blues, o heavy ou os sons latinos son só algúns dos ritmos que van traballarse, de acordo coas preferencias de cadaquén. Segundo comentaba en decembro o propio Xoán Leis poderase empezar desde cero gracias a un sistema de ensino baseado en números “moi doado para a xente que non sabe solfexo, con ritmos moi básicos e adaptados ás capacidades do alumnado. A idea é facer clases colectivas con persoas cos mesmos intereses musicais. Por exemplo, se montamos un tema de AC/DC, contar con guitarra, ter baixista e ter a batería para que se mimeticen entre si e que os alumnos e alumnas se apoien uns nos outros”.
O profesor destacou naquel momento que o método, xa probado, ofrece unha forma de aprendizaxe “amena” e adaptada “á sensibilidade de cada persoa, para que dentro das súas capacidade vexa como vai evolucionando”. Ademais, a aspiración final da actividade é que se poidan formar grupos “para tocar en directo música de todo tipo” e que incluso poidan gravar maquetas.
As clases terán lugar nas salas de gravación da Casa da Xuventude todos os mércores desde primeira hora da tarde até a noitiña. Os horarios definiranse segundo idades e instrumentos e, de cara a que as persoas interesadas en sumarse á iniciativa poidan sopesar se lles encaixan, o máis recomendable é contactar directamente con Leis no 685 050 921.
O curso durará inicialmente desde o 1 de febreiro até o 26 de abril, con posibilidade de ampliarse ata finais de xuño se o grupo se mantén -ou se se suma máis xente- durante o primeiro trimestre de proba, no que tamén se estudaría incrementar a oferta de instrumentos se existise demanda.
Porén, volvendo ao comezo desta información, desde o departamento de Cultura insístese en que é necesario confirmar a inscrición rexistrando no Concello ou na Sede Electrónica o formulario editable que pode descargarse e cubrirse directamente no navegador desde esta ligazón. Ademais tamén será necesario satisfacer a cota mensual, que é de 30€ para maiores de idade ata 65 anos e de 25€ para rapazada menor de 18 anos e persoas maiores de 65. Cómpre ter en conta que as persoas titulares do Carné Xove -de 12 a 30 anos- poderán beneficiarse dun desconto do 50% na cota que lles corresponda.
O pagamento das cotas pode domiciliarse ou, se non, deberá satisfacerse cada mes por transferencia bancaria, ingreso ou con tarxeta nas oficinas municipais.