Como vén sendo habitual nos últimos anos, Concellaría de Cultura vén de facer entrega en todos os centros educativos do noso concello dun lote de libros de autores e autoras locais, entre eles os recentes Alberto Gende. Encher o baleiro, dos irmáns Xurxo e Juan Gende, ou Buño de seu, de María Barca.
Dende o Concello de Carballo, como apunta o concelleiro de Cultura, Marcos Trigo, queremos apoiar a creación local, e por iso cada ano enviamos aos colexios e institutos unha selección das obras máis recentes dos escritores carballeses e bergantiñáns para que as incorporen aos fondos das súas bibliotecas.
Nos últimos anos temos entregado a todos os centros de ensino de primaria e secundaria obras de carballeses e carballesas coma Xan Fraga, Alberto Varela, Xurxo Borrazás ou Rosalía Fernández Ríal, entre outros. Pero ademais da promoción da literatura dos nosos creadores, o Concello de Carballo tamén traballa de maneira continuada na difusión do libro e da lectura a través de iniciativas como a Semana do Libro e a Lectura ou a Praza dos Libros, xunto con actividades moi diversas que se desenvolven ao longo de todo o ano nas bibliotecas municipais.