― O Goberno galego asumiu o financiamento e o Concello foi o encargado de executar as obras
― A intervención permitiu mellorar o firme do viario de Sanguiñal a Tállara, en case 1 km, unha mostra máis da aposta da Xunta pola mellora das comunicacións do rural
― Esta actuación dálle continuidade á executada en 2019 na vía entre Portobravo e Tállara, grazas a un investimento autonómico de 450.000 euros
O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado pola alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, supervisou o resultado as obras de mellora do firme do viario de Sanguiñal a Tállara, que supuxo un investimento autonómico de preto de 100.000 euros.
No que se refire aos compromisos, a Xunta asumiu o financiamento e o Concello foi o encargado da execución da obra.
Este acordo permitiu reforzar o firme nunha lonxitude de case 1 km, entre as interseccións das estradas DP-1104 e DP-1105, para dotar toda a vía dun firme homoxéneo e adaptado ás características reais do tráfico que soporta.
A intervención mellorou o firme do viario de Sanguiñal a Tállara desde a DP-1104 á DP-1105, constituíndo unha mostra máis da aposta da Xunta pola mellora das comunicacións nos municipios máis pequenos e do rural.
As obras consistiron saneo dos puntos máis deteriorados, vertendo unha primeira capa para regularizar o firme e estender, a continuación, unha capa de rodaxe de 5 cm. Foi preciso adaptar á nova rasante os pozos de rexistro e as arquetas, ademais da reposición completa das marcas viarias. Tamén se instalaron bandas sonoras para a redución da velocidade.
Este convenio deulle continuidade ao asinado en 2019, co que se levou a cabo a mellora do firme da estrada municipal que conecta Portobravo e Tállara. Así, actuouse daquela en máis de 5 km, dotando de nova capa de rodadura o viario municipal, grazas ao investimento autonómico de 450.000 euros.