O concelleiro de Festas, Sindo Guinarte, presentou esta mañá as bases para participar no desfile-concurso do martes de Entroido, que se celebrará o 21 de febreiro. O Concello premiará as mellores carrozas, comparsas, grupos, parelllas e disfraces individuais, así como a mellor comparsa procedente das parroquias e barrios de Compostela. O prazo de inscrición ao concurso abrirase nos vindeiros días.
Unha vez aberto o prazo, tras a publicación das bases no BOP, as persoas interesadas deberán presentar a súa inscrición antes do 8 de febreiro a través da sede electrónica do Concello de Santiago ou por calquera dos medios previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015.
Para as carrozas haberá tres premios de 3.000, 2.000 e 1.000 euros. No caso das comparsas, que estarán compostas por un mínimo de 15 persoas, entregaranse premios de 2.400, 2.000 e 1.000 euros. Na categoría de grupos, formados por entre 6 e 15 persoas, hai tamén tres premios, de 800, 400 e 200 euros.
Ademais, entregarase un premio de 400 euros á mellor parella; e tres premios aos mellores disfraces individuais, de 300, 200 e 100 euros. Por último, recoñeceranse as mellores comparsas procedentes das parroquias e barrios de Santiago, con tres premios de 1.200, 600 e 400 euros.
O desfile do martes de Entroido sairá da avenida de Ferrol, pasando polas rúas de Frei Rosendo Salvado, praza Roxa, República do Salvador, Hórreo e Senra, para rematar na avenida de Xoan Carlos I. A entrega de premios terá lugar na Sala Capitol, na rúa Concepción Arenal.