O calendario de actuacións ábrese este domingo 29 de xaneiro, coa peza ‘Sotobosque’, da compañía Inspira Teatre. As entradas para asistir á función xa están á venda
O centro sociocultural Ágora acolle, desde esta fin de
semana, o inicio da programación do ciclo Bebescena para cubrir esta tempada de primavera, que abrangue un total de seis espectáculos teatrais, musicais, sensoriais e escénicos, orientados ao público familiar e, máis en concreto, ás crianzas.
A compañía Inspira Teatre, con Laia Piró, Neus Umbert e Esther Westermayer como intérpretes do espectáculo ‘Sotobosque’, será a encargada de inaugurar esta nova tempada de Bebescena. A función está ideada para familias con crianzas de entre un e catro anos de idade. A través da música e as artes visuais, os máis pequenos adentraranse nun bosque imaxinario, un lugar cheo de marabillas onde explorar, escoitar e xogar coas plantas, árbores e animais. ‘Sotobosque’ terá lugar este domingo 29 con dous pases, ás 11.30 e 13.00 horas, no Ágora.
Tras ‘Sotobosque’, a programación continuará entre febreiro e maio, coas seguintes datas e espectáculos, sempre no Ágora e con dúas funcións:
● 26 de febreiro (11.30 e 13.00 horas): ‘Coliño’, da Xanela do Maxín.
● 12 de marzo (11.30 e 13.00 horas): ‘La cocina’, de Teloncillo Teatro.
● 23 de abril (11.45 e 13.00 horas): ‘Ploc, ploc… Plik!’, de Pasadaslas4.
● 7 de maio (11.30 e 13.00 horas): ‘Nidos’, de Proyecte Nius de Imaginart.
● 4 de xuño (11.30 e 13.00 horas): ‘La nube grande, gruesa y gris’, de Teatre al Detall.
Implicación do público
Unha das particularidades do ciclo Bebescena é a proximidade entre a escena e o público,
o que leva a que o patio de butacas se transforme nunha zona moi próxima ao escenario, con alfombras, coxíns, e bancos, e onde as nenas e nenos poden permanecer sentados con menos rigor e dun xeito máis acorde á súa anatomía, a carón das nais e pais. A duración das sesións flutúa entre 30 e 45 minutos, que é o tempo estimado segundo o cal a atención dun bebé está concentrada na actividade.
Xa está activada a venda de entradas para o primeiro dos espectáculos previstos. Os prezos son: entrada a 6 euros; menores de 3 anos, 2 euros; e abonos familiares, con tres entradas para a mesma función, a 15 euros.
Os billetes poden mercarse no despacho de billetes do IMCE habilitado na praza de Ourense, aberto de luns a venres (agás festivos), en horario de 11.00 a 15.00, e de 16.30 a 19.30 horas. Poderanse tamén adquirir pases no Centro Sociocultural Ágora, ata unha hora antes do inicio dos espectáculos, no caso de que haxa entradas dispoñibles.