O Concello da Pobra do Caramiñal pon ó servizo da cidadanía diversos recursos materiais cos cales lle facilita-la reciclaxe de residuos de distinta natureza. Por toda a xeografía municipal habilítanse colectores para o depósito de aceite doméstico: 15 na vía pública e 1 situado na praza de abastos, ademais do punto limpo do polígono industrial da Tomada. Esta entrega débese efectuar en recipientes de plástico para evitar que se produzan verteduras.
No total recolléronse 5086 quilogramos durante o pasado exercicio, unha cifra que contrasta cos 7115 quilogramos de 2021. A concelleira do Medio Ambiente, Genoveva Hermo (Nós Pobra), apunta que esta redución se fixo especialmente notable nas unidades que hai na rúa e que se constata, logo de consultada a empresa xestora deste residuo, que esta situación se produciu noutras localidades, polo cal se considera como principal causa o encarecemento dos aceites vexetais que redunda nunha diminución da cantidade por empregar ou no incremento da súa reutilización.
O aparcadoiro do recheo sitúase á cabeza da lista coa colecta de 885 quilogramos, seguido da zona verde da rúa Barrantes, da urbanización O Lagar, con 670; na rúa do Curraliño, na esquina da casa da cultura Raquel Fernández Soler, 520; no lugar da Covecha, fronte ás pistas de tenis, 420; no lugar de Caíños, fronte ó bar O Campiño, 400; no lugar da Costa, fronte á panadaría O Forno do Maño, 345; no lugar da Virxe do Monte, xunto á capela, 260; na zona verde da rúa Lamas e Andrés, 260; na rúa de Venecia, nas proximidades do paseo dos Areos, 240; na explanada da Pedreira, no Camiño Ancho, 235; na rúa Venecia, xunto á pista deportiva, 200; na rúa da Angustia, xunto a Muebles Lijó, 160; na Ribeiriña, xunto á marquesiña do bus, 145; na estrada de Lesón, xunto ós contedores amarelo e azul, 110; e no parque do Castelo, fronte ó bar O Facho, 105. A maiores, 87 quilogramos correspóndense coa praza de abastos e 44 co punto limpo.
O destino final deste líquido graxo é o aproveitamento para a produción de biocarburante, o cal xerou en 2022 un aforro de 15’22 toneladas das emisións de CO². Así mesmo, por non se desbotar polos sumidoiros, evitouse a contaminación de 5583’31 metros cúbicos de auga.