O formato de congreso aberto a distintas facetas da peregrinación con feira profesional, sumado á presenza de turoperadores internacionais, foi un acerto
Santiago de Compostela, 19 de outubro de 2015. – Fairway, Forum do Camiño de Santiago, rematou a súa primeira edición, que se celebrou entre o xoves 15 e o domingo 18 de outubro, con bo sabor de boca e vontade de continuidade.
A organización estima que o volume de negocio que alcanzarán os contactos establecidos no evento, sumado á propia repercusión económica sobre a cidade de Santiago derivada destes catro días de Fairway, pode roldar o millón de euros.
Máis de 1200 citas de intercambio comercial entre empresas vinculadas ao Camiño de Santiago con máis de 25 turoperadores nacionais e internacionais, medio cento de expositores e algo máis dun cento de empresas tiveron a oportunidade de expor os seus produtos e servizos vinculados á Ruta Xacobea nun encontro de análise e de profunda reflexión e intercambio de experiencias entre peregrinos pero tamén entre administracións e responsables doutras rutas de peregrinación que se deron cita nesta primeira edición de FairWay, o Forum do Camiño de Santiago.
Declaracións da organización
O codirector Manuel Oreiro apunta: “Fairway foi unha cita profesional de altísimo nivel. Superarmos as 1.200 reunións de traballo no workshop, traermos eses máis de 25 turoperadores profesionais ou organizar o pitch show, con máis de 100 presentacións expréss de negocios e institucións, supuña un reto; pero a nosa impresión -corroborada polo que nos transmiten os participantes- é que pagou a pena”.
Nunha liña semellante amósase Ana Trevisani, quen subliña: “A feira profesional desta primeira edición contou coa participación de todos os sectores arredor dos camiños. Institucións, hostaleiros, restauración, servizos… máis de 50 expositores que destacan o perfil dos visitantes e a repercusión lograda. Foi o mellor escaparate posible para os seus servizos e produtos. O número de visitantes final está acorde coas nosas expectativas. Xa é o momento de pensar na segunda edición”.
Por último, o terceiro codirector, Ton Mugico, destaca que: “Contamos con 50 relatores de alto nivel. O Congreso do Fórum do Camiño de Santiago respondeu cos seus distintos paneis ás diferentes perspectivas que conta o fenómeno das rutas xacobeas. Experiencias persoais de interese, a seguridade nas rutas, a reflexión do “Camiño do despois”, os outros camiños de peregrinación, o coidado do patrimonio e as propias rutas, as infraestruturas e servizos…todos estes aspectos foron tocados por expertos. Ademais descubrimos, en primicia, que haberá segunda parte da película The Way, en boca de Carmen Estévez”.
Desde a organización,os impulsores de FairWay, as empresas compostelás Viloria, Mr. Turismo e Trevisani agradecen o apoio e a aposta do seu patrocinador principal, Correos, así como o apoio institucional de Turismo de Galicia e máis do Concello de Santiago.
Fairway, que foi posible grazas tamén á colaboración da Cidade da Cultura e Catedral de Santiago, ofreceu, ademais, un grande número de actividades paralelas como exposicións fotográficas, concertos, contacontos ou catas polas que pasaron centos de participantes deste encontro, que volveu situar Compostela como capital da peregrinación.