O Concello organiza a charla, que ofrecerá o arquitecto municipal este mércores ás 19:30 h na Casa das Palmeiras
O proxecto, que promove a Xunta, está hoxe en fase de información pública
O Concello de Neda celebrará unha charla informativa sobre o Plan de Mellora da Seguridade e Accesibilidade das paradas de autobús que promove a Xunta de Galicia nas estradas autonómicas e que contempla 32 intervencións no noso municipio, coa afectación de propiedades privadas. A charla, que terá lugar este mércores 25 de xaneiro ás 19:30 h na Casa das Palmeiras, correrá por conta do arquitecto municipal, e está dirixida á veciñanza.
O proxecto está hoxe en fase de información pública, co que veciños e veciñas estánen tempo de presentar as súas alegacións en caso de consideralo conveniente.
Segundo avanzou no seu día a Xunta na presentación do proxecto, o obxectivo das intervencións previstas é reforzar a seguridade, mellorar o equipamento das paradas e favorecer a mobilidade e a accesibilidade na súa contorna, especialmente das persoas con dificultades de mobilidade, executándose ramplas de acceso e dotando ás contornas de pavimento pododáctil. Tamén se favorecerá a conectividade das paradas coa construción de beirarúas e sendas peonís, e se mellorará o seu equipamento.