Friday 22 de November de 2024

Alternativa de Bergondo lamenta o acto de suprema covardía que vai consumar a alcaldesa ao no aprobar o PXOM antes das eleccións


Nunha xuntanza celebrada o luns con todos os grupos e o equipo redactor do plan escenificouse a renuncia definitiva da alcaldesa a que Bergondo avance na elaboración da súa norma principal durante este mandato

Non foi posible. A pesar dos reiterados ofrecementos dos votos de Alternativa dos Veciños de Bergondo para aprobar por maioría suficiente o PXOM, na súa fase inicial, e antes das eleccións de maio, a aínda alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez, négase a rematar o actual mandato con un mínimo de dignidade e con algo tanxible que engadir á súa folla de servizos por Bergondo.

Nunha comisión do PXOM celebrada o pasado luns*, para a cal se convidou a todos os membros da corporación (para darlle máis empaque ou aspecto de utilidade á pantomima que nesa reunión se desenvolveu) deuse a coñecer o calendario de aprobación inicial do PXOM, que en todo caso quedará adiada para despois das eleccións de maio. Consúmase así o que se vía vir; a predisposición e mesmo consello do equipo redactor do PXOM para sacalo adiante na súa aprobación inicial foron convenientemente aplacados pola alcaldesa, para adaptalas ao seu ritmo. Ritmo que, en todo caso se rexe polas súas comenencias electorais e se guía polo seu conservadurismo/inmobilismo habitual.

Repasemos a situación do PXOM:
– Os traballos da súa elaboración foron contratados ao actual equipo redactor en 2013.
– Dez anos máis tarde todo o que temos a día de hoxe é un borrador do plan. Despois dunha década e despois de ter gastado inxentes cantidades de diñeiro público seguimos sen ter apenas nada.
– No actual mandato 2019-2023 a alcaldesa de Bergondo perdeu deliberada e conscientemente dous anos sen facer nada ou promover nada relacionado co avance do PXOM de Bergondo. Son os dous anos que van dende o comezo da pandemia (marzo de 2020) ata marzo de 2022. Utilizou a pandemia como escusa para non avanzar no que se podía ter avanzado. Este feito lamentable tería que pesar sobre a súa conciencia e, en aras a tentar compensar dalgún modo a súa ineptitude ao respecto, animala a rematar o mandato levando a pleno a aprobación inicial do plan. Mais, como se ve, non vai ser así. Por falta de conciencia ou, por ineptitude manifesta ou se cadra polas dúas razóns.

Dada a situación actual e repasando os antecedentes, Juan Fariña, voceiro de Alternativa dos Veciños de Bergondo, declara: “Atrévome a vaticinar que se Alejandra Pérez sigue ao mando do concello despois das eleccións de maio seguiremos en todo 2023 sen ver avance ningún no PXOM. Mais tamén aseguro que, se a veciñanza de Bergondo deposita en nós a confianza suficiente en maio isto vai cambiar, si ou si”.

*na que, por certo, non se informou aos grupos da oposición (a pesar de ter saído o tema en conversa) sobre unha notificación da Xunta relacionada coa urbanización da Longueira recibida o pasado día 19.