Tralas declaracións de Borja Verea, o alcalde anunciou esta tarde que tomarán “as accións legais necesarias para defender a honorabilidade do seu grupo” ante o que considera unhas “acusacións inconsistentes, sen motivación nin fundamento real”.
Utiliza as teclas de frecha arriba/abaixo para aumentar ou diminuír o volume.
O candidato dos conservadores á alcaldía falaba esta mañá dunha “trama organizada” sinalando ao goberno local “sen fundamento algún”. O alcalde cualificou estas declaracións de “moi graves e desafortunadas”, e insiste en que as respostas e aclaracións que solicitan os grupos da oposición no relativo ao aluguer dunha nave no Polígono da Costa Vella para albergar de xeito temporal as dependencias de Medio Rural e o servizo de Parques e Xardíns, daranse no pleno municipal, como así o solicitaron os propios grupos. E é que, na sesión ordinaria do próximo xoves, está prevista unha comparecencia e dúas interpelacións monográficas relativas a esta cuestión.
“O que non ten cabida é que se fagan preguntas ás que eles mesmos responden sen ningún tipo de sustento na realidade” insistiu o alcalde, que advertiu ademais de que a estrataxema que está a seguir o Partido Popular coa dimisión do edil José Manuel Pichel é a “habitual nos últimos 20 anos cando chegan as eleccións”: “O Partido Popular trata, como nos ten acostumados, de xudicializar a política municipal para conseguir os seus obxectivos” denuncia Bugallo.
Insiste o alcalde en que “o intentaron no seu día co parking da Praza Roxa, continuaron con esta estratexia nos anos sucesivos e, outra vez, intentan montar unha escenificación para manter esta cuestión aberta durante os próximos meses”. Ante os feitos, Sánchez Bugallo é contundente: “o que está claro é que ningún cargo do PSOE foi nunca condenado, cousa que non pode dicirse do Partido Popular de Santiago”.
O alcalde recorda que, actualmente “a única presunta trama da que existe constancia é a que está a investigar un xulgado por un crédito de 2.5 millóns de euros de cartos públicos, aprobado nunha reunión de XesGalicia na que participou, entre outros, o señor Verea”. Unha investigación ante a que “o candidato se esconde detrás do aforamento de Diputado que ten por un traballo que non exerce, pero polo que, desde logo, non renuncia a seguir cobrando”.