Friday 22 de November de 2024

Iniciados os traballos para renovar os pavimentos do Campo da Feira no Outeiro, na Ponte do Porto


● Esta actuación conta cun orzamento de 48.000 euros e está financiada a través do Plan Único da Deputación da Coruña.

O Concello de Camariñas deu comezo aos traballos para a renovación dos pavimentos no ámbito do Campo da Feira no Outeiro, na parroquia de Ponte do Porto. Unha actuación que conta cun orzamento de 48.000 euros e que está financiada a través do Plan Único da Deputación da Coruña.
Con esta obra preténdese renovar os pavimentos da área de actuación, diferenciando a zona destinada para aparcadoiro de vehículos, que se pavimentará en formigón gris semi-pulido, e da zona destinada ao transito dos peóns (con lousas de pedra granítica do país con acabado flameado), ademais de renovar o aglomerado asfáltico da beiravía da estrada autonómica.

Por outra banda, mellorarase o drenaxe de choiva, con dous novos sumidoiros de augas pluviai, e a iluminación, instalando catro farolas de baixo consumo e deseño moderno.