Saturday 16 de November de 2024

O Goberno Municipal denuncia a utilización electoralista de actos institucionaispor parte do PP


O Goberno Municipal denuncia a utilización electoralista de actos institucionais por parte do PP. En concreto, o reparto realizado polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, dun calendario ilustrado, no que non se convidou nin ao alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, nin a ningún outro membro do Goberno Municipal; pero si se convidou ao candidato do PP a alcaldía.

Un calendario impreso con motivo do 150 aniversario da Praza de Abastos, que inclúe ilustracións realizadas por artistas convidados por Compostela Ilustrada, e que está financiado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, é dicir, con fondos públicos; cuxa presentación tivo lugar nun espazo, o mercado de Abastos, de titularidade municipal.

Para o Goberno Municipal, ademais de deslealdade institucional existe unha clara utilización partidista deste tipo de actos que podería vulnerar a lei electoral. Por este motivo pide explicacións de por que non se convidou a ningún representante do Concello de Santiago; pese a que Compostela Ilustrada é un programa vinculado ao Concello, que o calendario se financiou con fondos públicos, e que o espazo no que se presentou, a Praza de Abastos, é de titularidade municipal.

Segundo o Goberno Municipal, este uso partidista das institucións públicas supón, ademais, unha falta de respecto á cidadanía de Santiago de Compostela, que se agrava cando a persoa que se presenta como candidato a rexedor se presta a este tipo de actitudes partidistas nas que se omite a cortesía e lealdade institucional que debe existir entre administracións.