• Este elemento chega tras a xuntanza mantida entre representantes do goberno local e a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, o pasado mes de novembro
• O Concello seguirá traballando para “poder ofrecer á veciñanza elementos urbanos que faciliten os seus desprazamentos no rural e co núcleo de Laxe”
O Concello de Laxe xa conta cunha renovada marquesiña no lugar de O Aprazadoiro, na parroquia de Nande, despois de que o goberno local solicitara a súa substitución co obxectivo de mellorar a calidade de vida da veciñanza no rural.
A instalación deste elemento chega despois dunha xuntanza mantida entre o alcalde de Laxe, José Luis Pérez Añón, e o edil de Persoal, Obras, Servizos e Praias, Eulogio Constantino, coa conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, o 12 de novembro do 2022. Entre outros puntos, abordouse a necesidade de mudar as marquesiñas en peor estado xa que “son unha necesidade para a poboación, quen precisa de puntos máis cómodos e seguros mentres agarda polo autobús”, destacan desde o Concello.
Tamén sinalan que esta era “unha demanda que xa queriamos resolver hai tempo e por iso solicitamos á Xunta a súa posta en marcha o pasado ano”. Subliñan, ademais, que “seguiremos traballando para poder ofrecer á veciñanza elementos urbanos que faciliten os seus desprazamentos no rural e co núcleo de Laxe”.