Saturday 16 de November de 2024

Avanzan a bo ritmo as obras de rehabilitación da antiga escola de Igrexafeita para convertela en espazo sociocomunitario


Co arranque deste 2023 iniciáronse os traballos de restauración da antiga escola de Igrexafeita de cara a convertela nun espazo sociocomunitario que, ademais, sexa referente de ámbito comarcal na abordaxe e apoio ás familias con casos de demencias cognitivas. Os avances nas obras, a escasas tres semanas desde que comezasen, son ben visibles trala colocación das estadas, o baleirado do inmoble e a demolición de varios tabiques co obxectivo de deixar as dependencias o máis diáfanas posible antes de acometer o acondicionamento integral e unha nova división axeitada aos novos usos que terá o edificio. O investimento previsto ascende a algo máis de 285.000 euros, que se financiarán con cargo a un convenio nominativo asinado coa Deputación da Coruña.

Das obras estase encargando a construtora Covisam Norte S.L. como adxudicataria a finais do ano pasado do concurso público convocado polo Concello para levar adiante un proxecto deseñado pola arquitecta municipal, Montserrat Ruíz. A rehabilitación consistirá, a grandes trazos, na renovación exterior e interior do inmoble con novo illamento e ventanais, ademais de mellorar a accesibilidade coa instalación dun ascensor que irá exento do corpo principal para aproveitar ao máximo o espazo dispoñible.

Toda a intervención orientouse cara a unha finalidade sociocomunitaria, no sentido de que o edificio poida recuperar a súa función como espazo de xuntanza veciñal para o desenvolvemento de distintas actividades e, sobre todo, como lugar adaptado a ese novo cometido que terá como centro de apoio a persoas con deterioramentos cognitivos incipientes e ás súas familias.

Así, o acceso ao baixo farase mediante unha rampa lateral e desde o recibidor, a man esquerda, poderase entrar nunha sala polivalente duns 35 m² dotada cun aseo adaptado, mentres que o lado inferior do inmoble se reserva para unha pequena sala de espera, un despacho de atención ás familias de 15,7 m² e unha zona de rehabilitación cercana aos 21 metros de superficie.

As escaleiras que levan ao primeiro andar manteranse coa súa configuración actual e para o reparto da superficie dispoñible prevese calcar a distribución da parte baixa, é dicir, sala polivalente con aseo adaptado a un lado e despacho e máis sala de rehabilitación ao outro, compartindo ambas estancias sala de espera. Ademais tamén se contempla un vestíbulo que lle dea servizo á saída/entrada do ascensor.

O deseño non incrementará volumes -agás o do ascensor e a rampa- e buscou, en último caso, manter a forma do edificio aproveitando ao máximo as posibilidades que ofrecen as instalacións, que incorporarán unha nova envolvente térmica, tella sobre a cuberta de fibrocemento e ventanais con rotura de ponte térmica, máis eficientes desde o punto de vista enerxético. Sobre esta cuestión, a do aforro en enerxía, os planos recollen a implantación dun sistema de aerotermia para a auga quente sanitaria e a calefacción por medio de chan radiante.

As obras comezaron na primeira semana deste mes de xaneiro, aínda que a empresa adxudicataria xa fixera acopio de materiais e equipamento nos días previos ao Nadal. O investimento total ascende a 285.535,80 euros. A Deputación da Coruña achegará 240.000, por medio dun convenio nominativo asinado a comezos de agosto polo vicepresidente provincial, Xosé Regueira, e Secundino García. Os algo máis de 45.500 euros de diferenza serán asumidos polo Concello con fondos propios. O prazo de execución é de tres meses e, se non hai contratempos, o edificio debería estar finalizado en abril ou comezos de maio.