Saturday 16 de November de 2024

O Concello reformará o complexo deportivo de Santa Isabel e o pavillón de Vite por máis de 4,3 millóns de euros cunha achega de 3,3 millóns do Plan de Recuperación


O alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, e o delegado do Goberno, José Miñones, visitaron esta mañá o complexo deportivo de Santa Isabel no que, xunto ao pavillón de Vite, se levará a cabo unha reforma integral dos espazos co fin de mellorar a súa eficiencia enerxética, sostibilidade e accesibilidade. Ambas actuacións resultaron beneficiarias na recente resolución da Liña 1 do PIREP Local, o programa de axudas do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma) a través dos fondos europeos Next Generation EU. O custo total dos dous proxectos será de 4.301.180,12 euros, cunha achega do Goberno central de 3.319426,96 euros e de 981.753,16 euros de fondos propios do Concello.

En concreto, as obras de mellora e renovación do complexo deportivo Santa Isabel terán un custo total de 2.975.903,26 euros, dos cales 2.340.149 euros se corresponden coa axuda do goberno e 634.754,21 euros, coa achega do Concello. Esta reforma permitirá mellorar a eficiencia enerxética, a sustentabilidade, a accesibilidade, a habitabilidade, a seguridade e a conservación do complexo deportivo.

Pola súa parte, a rehabilitación do polideportivo municipal de Vite recibirá 979.278 euros do PIREP para un proxecto que ascende a 1.325.277 euros e que contará cunha achega municipal de 345.999 euros. A actuación recolle o cambio da cuberta exterior, o tellado, todos os elementos de impermeabilización, de luz, de auga e de servizos.

Durante a visita, o alcalde congratulouse das inminentes actuacións que permitirán á cidadanía “contar con edificios máis eficientes e de mellor calidade das instalacións que se viron deterioradas debido a un uso moi intenso ao longo dos últimos anos”. Sánchez Bugallo detallou que no caso de Santa Isabel, “prevese sacar a licitación para a redacción do proxecto previsiblemente no mes de marzo” e a licitación da obra “no segundo semestre do ano”. “No caso de Vite estase a redactar o proxecto de execución”, pero prevé que “ambos os dous espazos estean operativos o 1 de xaneiro do ano 2025”. O rexedor tamén recordou que aínda hai dous proxectos á espera de resolución.

Pola súa parte, o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, recordou que os investimentos do Goberno central no municipio rondan actualmente os 300 millóns de euros, con obras como a estación intermodal, o enlace Orbital, o Orbitaliño, o cuartel da Garda Civil, a depuradora e as inxeccións para potenciar o turismo. Tamén explicou que a través do total de 27,3 millóns de euros en axudas do PIREP repartidas a concellos galegos e deputacións para a rehabilitación de 36 edificios públicos da súa titularidade, Santiago foi o municipio galego que máis fondos recibiu.

Santiago tamén se beneficiou da liña autonómica do PIREP, indicou, cunha inxección de 3,86 millóns de euros transferidos á Xunta de Galicia para a rehabilitación do CEIP Mestre Rodríguez Xixirei e o IES Lamas de Abade.

Complexo deportivo de Santa Isabel

O complexo deportivo de Santa Isabel é un dos edificios máis antigos da cidade, xa que foi construído en 1983, polo que a reforma que se levará a cabo será “de gran calado”, segundo sinalou o rexedor.

Unha das prioridades será a da mellora da eficiencia enerxética, coa posta en marcha dunha serie de medidas destinadas non só a reducir o consumo de enerxía do edificio e as emisións, senón tamén a mellorar as súas condicións térmicas interiores e adaptalo á normativa actual. Destinarase a tal fin unha partida de 1.664.256,65 euros.

Entre as melloras que se levarán a cabo están a incorporación de novos revestimentos na envolvente térmica da fachada e a cuberta para facilitar o illamento térmico. Instalaranse tamén dúas bombas de calor, unha para a produción térmica do edificio, que apoie as caldeiras existentes para a produción de calor e de frío nos espazos actuáis, e outra para a produción de ACS e quecemento de piscina.

Tamén se prevé mellorar o sistema de ventilación coa substitución dos actuais ventiladores por equipos con recuperación de calor; e o cambio das luminarias actuais por outras de tecnoloxía LED para conseguir un importante aforro enerxético, así como a instalación de paneis fotovoltaicos para autoconsumo co obxectivo de reducir o consumo enerxético do edificio.

Dedicarase unha partida de 25.228 euros para mellorar a sustentabilidade coa instalación de elementos de grifería en duchas, lavabos e inodoros que permitan unha redución do consumo de auga, sen rebaixar prestacións aos usuarios.

Tamén se levarán a cabo importantes intervencións para mellorar a accesibilidade ao pavillón polideportivo, co conseguinte traslado do acceso xeral á praza mediante unha escalinata e unha rampla lateral, que permitan un acceso amplo, cómodo e ben dimensionado, que poida repartir o público nas bancadas e que facilite a evacuación en caso de incendio. Prevese, ademáis, a incorporación dun ascensor e dunha pasarela, así como a mellora da accesibilidade en aseos e vestiarios adaptados. A estas intervencións destinaranse un total de 407.143,95 euros.

No apartado de habitabilidade e seguridade, cun investimento de 203.824,04 euros, prevese a adaptación das saídas de emerxencia, renovando a súa sinalización e os mecanismos de apertura, así como a renovación completa da instalación contraincendios. Tamén se adaptarán escaleiras e bancadas, incorporando varandas, pasamáns, e axustando banzos e espazos de acceso.

Por último, dedicarase unha partida de 158.971,54 euros para a revisión, reparación e mellora das cubertas da piscina (madeira) e o pavillón (estrutura espacial metálica).

Tamén se aproveitará para renovar o local de filtración de piscinas e do seu equipamento, a adaptación da acometida eléctrica do edificio, a renovación de pavimentos de beirarrúas na contorna e acceso ao complexo.

Pavillón Polideportivo de Vite

A reforma integral do pavillón de Vite pretende emendar a situación actual dunhas instalacións que datan da década dos 90 tras un uso intensivo durante máis de 30 anos. Á mellora da eficiencia enerxética do edificio dedicarase unha partida de 687.212,57 euros coa que se poderá reducir o consumo de enerxía primaria, arredor dun 45%.

Levarase a cabo a construción dunha nova envolvente, a base de chapa ondulada microperforada cor branca, máis lixeira e permeable, sobre a que se practican unha serie de ocos, a fin de introducir a luz natural e mellorar a relación interior-exterior do edificio. Tamén se impermebilizará a cuberta para facilitar o seu illamento, conservando o soporte existente, pero renovando canlóns e baixantes. Os actuais lucernarios serán substituídos por novas placas de policarbonato celular opal a fin de recuperar a iluminación natural e evitar deslumbramentos.

Tamén se acadará un importante aforro enerxético mediante a substitución de luminarias por outras con tecnoloxía LED, substitución de acumuladores eléctricos de produción de ACS por bomba de calor de alta eficiencia e a instalación de paneis fotovoltaicos para autoconsumo, reducindo considerablemente o consumo actual do edificio. Nos vestiarios, que non contan con ventilación nin calefacción, exponse un sistema de ventilación con recuperación e calefacción.

Co obxectivo de resolver os problemas funcionais, de accesibilidade e seguridade de utilización, dedicarase unha partida de 46.549,08 euros ao traslado dos aseos públicos á cota das bancadas; a mellora dos diferentes accesos, eliminando banzos intermedios e incluíndo a reelaboración da rampla situada na fachada sur para que os seus pendentes cumpran normativa; a localización da conserxería na cota intermedia; a redistribución de vestiarios e dependencias auxiliares da planta baixa; a incorporación de catro prazas adaptadas nas bancadas, dúas no nivel inferior e dous no superior; a colocación de novas varandas, señalética, etc. As actuacións de mellora da sostiblidade acadan o importe de 55.848,78 euros, e as de mellora da seguridade e habitabilidade, os 305.659,7 euros.