— Ángeles Vázquez subliña que a primeira convocatoria do programa de actuacións de rehabilitación a nivel de edificio se saldou con 251 subvencións outorgadas na Comunidade e avanza que este ano se publicará unha nova convocatoria
— O importe a percibir por vivenda pode chegar ata os 38.750 € e destinarase a obras de mellora nas envolventes e á substitución de equipos de calefacción e auga quente
A Xunta de Galicia concedeu axudas por un importe global de 21,57 millóns de euros destinadas a financiar actuacións de rehabilitación e mellora da eficiencia enerxética no eido residencial. En total estímase que grazas a estas subvencións se poderá intervir sobre máis de 2.500 vivendas galegas.
Durante unha visita a un edificio en Ferrol que resultou beneficiario dunha subvención de case 115.000 euros para intervir no revestimento, impermeabilización e illamento da fachada, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, subliñou que a primeira convocatoria do programa de actuacións de rehabilitación a nivel de edificio se saldou con 251 subvencións outorgadas e avanzou que este ano se publicará unha nova convocatoria, previsiblemente no mes de febreiro.
Acompañada pola delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, a conselleira lembrou que estas subvencións, financiadas con fondos europeos, se convocaron o pasado mes de maio e teñen como fin axudar a comunidades de veciños e propietarios particulares a financiar diferentes actuacións de rehabilitación que reduzan os consumos dos seus inmobles a través dun aforro enerxético de, como mínimo, o 30%.
O importe máximo das axudas pode chegar ata os 38.750 euros por cada vivenda e entre as principais obras subvencionables cómpre subliñar as intervencións de mellora nas envolventes —fachadas, cubertas, etc.— e a substitución de equipos de calefacción e auga quente tanto en vivendas unifamiliares como en edificios de uso colectivo.
Axudas concedidas en Ferrol e na provincia
No caso de Ferrol, concedéronse 5 axudas por un importe global de 276.839 euros que permitirán intervir sobre 38 vivendas da cidade. Ademais, no conxunto da provincia da Coruña o número de beneficiarios do programa a nivel de edificio ascendeu a 119 e estímase que grazas aos 8,75 millóns de euros concedidos poderase actuar nos vindeiros anos sobre un total de 1.000 vivendas coruñesas.
No caso concreto do edificio ferrolán que visitou hoxe a conselleira, os traballos comezaron o pasado mes de setembro e está previsto que se rematen este mesmo ano. A obra consistirá na mellora do illamento e da impermeabilización exterior do edificio, construído hai varias décadas e cuxas fachadas co paso do tempo foron presentando fisuras e desgaste nos revestimentos.
Neste sentido, Ángeles Vázquez incidiu na grande oportunidade que supoñen os diferentes programas de axudas que xestiona o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) para impulsar a rehabilitación enerxética de edificios e vivendas xa que, por unha banda, contribúen a mellorar o confort e a calidade de vida dos veciños e por outra, inciden directamente na redución das emisións de CO2 procedentes do eido residencial.