Friday 22 de November de 2024

O Concello de Neda volverá promocionar os produtos das panaderías locais con degustacións gratuítas en 18 establecementos de hostalería


As doce tafonas do municipio colaboran na iniciativa gastronómica, que se desenvolverá en tres fins de semana consecutivos de xaneiro e febreiro

O Concello pon en marcha a finais de mes a segunda entrega de “Neda a petiscos”. Unha aposta pola promoción dos produtos das panaderías de vila, a través de degustacións gratuítas na hostalería local. Unha campaña que permitirá a veciños e visitantes saborear, durante tres fins de semana consecutivas, os mellores doces e empanadas de Galicia, as que levan o selo de Pan de Neda, buscando ademais incentivar que a xente se achegue aos bares, cafeterías e restaurantes do municipio.

A área de Turismo e Comercio vén de pechar o calendario de catas, que incluirá unha degustación de balde en cada un dos 18 establecementos de hostalería do municipio, que decidiron sumarse, “enriquecendo” cos sabores máis locais, segundo a súa elección, ben a hora do almorzo ou ben a do aperitivo.

Cada fin de semana- 28 e 29 de xaneiro, 4 e 5 e máis 11 e 12 de febreiro- o Concello proporcionará a seis negocios (tres por día) bola de ovo, proia ou empanadas dos máis diversos sabores saídas dos fornos locais para que as sirvan, de forma totalmente de balde, coas consumicións. Así pois, trátase de apoiar á hostalería e, fundamentalmente, poñer en valor, e fomentar o consumo de pan e doutras especialidades das panaderías de Neda, reivindicando o seu bo facer.

Como sucedera na primeira edición, participan nesta campaña gastronómica Panadería La Nueva, O Carrizo, J. Castro Hermanos, Panificadora Germán, La Gallega, Santa Rita, Modesto Hermida, Forno de Binuca, Viuda de A. Romero e Forno de Liñares. Unha lista á que se incorporan desta volta tamén La barra de oro e Tito. En definitiva, implícanse en “Neda a petiscos” a totalidade das panaderías de Neda.

Programación

O calendario de catas arrincará o sábado 28 de xaneiro con almorzo no Bar O Rubio e, na hora do viño, petiscos de empanada -sempre de dous fornos diferentes- na Taberna O Carreiro e na Cantina do Roxal. O domingo 29, os doces acompañarán ao café matinal no bar Jupe e en La Cortesa, e no aperitivo do Lagar do Camiño.

No primeiro fin de semana de febreiro chegará a quenda de Bar Graña, Harina & Brasa e Igloo by Pazo da Merced (sábado 4) e Albarón, Chámalle como queiras e mesón O Fumazo (o domingo 5). Por último, os petiscos chegarán ao café bar Oriental, a La flor de mayo, e ao bar Catalina o 11 de febreiro; e o día 12 á Pensión Maragoto, Casa Arribe e O Recuncho.

Dende o Concello de Neda animan á veciñanza e aos visitantes que se acheguen eses días á comarca a participar nas degustacións, e agradecen o interese mostrado polos negocios (só tres dos 33 posibles participantes rexeitaron o convite municipal) nesta iniciativa de dinamización de dous sectores que son fundamentais na economía local.