Dirixido a grupos e solistas pop e rock, a cita terá lugar en breve. O prazo de inscrición estará aberto ata o 3 de novembro e os gañadores poderán gravar un EP. Na iniciativa participa tamén a Fundación Paideia
Ordes 17 outubro 2015. A discoteca LP 45, acollerá o vindeiro 7 de novembro as audicións musicais do programa Outra+Outra 2015. Trátase dun proxecto no que colabora o Concello de Ordes e a Asociación de Desenvolvemento da Comarca de Ordes (ASDECOMOR), e emprendido pola Fundación Paideia dentro do marco da programación cultural da Deputación da Coruña.
Unha convocatoria que se abre a todos os grupos ou solistas de estilos pop e rock maiores de dezaseis anos, e que estén integrados na Rede Cultural da Deputación da Coruña para este ano ou ben que estén inscritos xa de cara ao vindeiro. Quedan excluídos aqueles que teñan distribuído comercialmente algún traballo.
Os interesados deberán cubrir o formulario de solicitude que poderán atopar na páxina web www.estudiosmans.com/outra-outra/ e envíalo ao Estudio de Gravacións MANS, situado no Polígono de Pocomaco, parcela D22, C.P. 15190, en A Coruña, adiantándoo á dirección de correo electrónico outramaisoutra@estudiosmans.com. Todo isto ata o 3 de novembro como data límite.
En total outorgaranse sete premios consistentes cada un deles na gravación, mestura e masterización dun EP estudo de gravación Mans, na Coruña. Nel incluírase a gravación do tema gañador así como outros de composición propia do mesmo estilo musical.
O principal obxectivo desta iniciativa é o de fomentar o desenvolvemento de valores artísticos emerxentes, apoiando ás formacións musicais e facilitándolle a participación en concursos, festivais e circuítos musicais. Tamén se pretende dotalos de instrumentos para a súa promoción discográfica.