Saturday 16 de November de 2024

CH Barrocás e Escola Galicia Sport gañadores do Campionato Galego de Hóckey Sala


A alcaldesa presidiu a cerimonia de clausura deste campionato clasificatorio para o nacional no que participaron os mellores equipos autonómicos

A alcaldesa, Inés Rey, presidiu a entrega de medallas e trofeos do Campionato Galego de Hóckey Sala na categoría masculina e feminina absoluto.

É a primeira vez que a cidade acolle esta competición das dúas máximas categorías despois de que no 2021 se celebrase a fase final masculina.

A competición celebrouse este sábado e domingo no pavillón do Ventorrillo e no Pazo dos Deportes de Riazor, onde se disputaron as finais esta mañá. Na categoría masculina, loitaron pola medalla de ouro o CH Barrocás e o CSA Ourense. Na categoría feminina, disputaron a final o Escola Galicia Sport e o Villar Ourense. Finalmente, os gañadores desta edición foron CH Barrocás e Escola Galicia Sport, cun resultado de 6-5 e 6-1, respectivamente.

A alcaldesa destacou o gran ambiente deportivo que se viviu estas dúas xornadas, nas que participaron os sete mellores equipos masculinos e os cinco mellores femininos de Galicia. Participaron os equipos masculinos CH Barrocás, CH Albor, Escola Hockey Coruña, CSA Ourense, Gimnástico Cudeiro, Athletic Coruña e CH Albor 1981 e os femininos Villar Ourense, Atlántico Vigo, Athletic Coruña, Escola A Coruña 2016 e Escola Galicia Sport.

Inés Rey entregou os trofeos aos equipos gañadores e reiterou o compromiso do seu Goberno co deporte e a disputa de importantes competicións nas instalacións municipais.

Durante estes últimos dous días máis de 200 deportistas e adestradores déronse cita neste Campionato Galego.