A obra podería acometerse ao abeiro do plan Hurbe, un programa impulsado polo Goberno galego en 2010 co fin de axudar ás administracións locais a financiar proxectos municipais que inciden de forma positiva na calidade de vida da veciñanza
A Xunta e o Concello de Vilasantar analizan o proxecto para humanizar a estrada AC-194, no lugar de Rú, durante unha reunión que mantiveron a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde da localidade, Fernando Javier Pérez.
O proxecto, cun orzamento estimado de preto de 170.000 euros e un prazo de execución previsto de dous meses, pretende mellorar a pavimentación desta travesía, que atende fundamentalmente ao tráfico residente e de proximidade, logo de ser circunvalada pola AC-840. De feito, o obxectivo desta actuación é acadar unha mellor accesibilidade e maior seguridade viaria nos seus 1,03 quilómetros de lonxitude.
Máis polo miúdo, a actuación consistirá no fresado do pavimento para ser substituído por un firme de formigón desactivado e granito, que se elevará para nivelalo coa praza do Concello e resto de beirarrúas circundantes. Ademais, de cara a garantir unha maior seguridade viaria, instalaranse tres pasos de peóns elevados e renovarase a sinalización horizontal e vertical.
A obra podería acometerse ao abeiro do chamado plan Hurbe, un programa impulsado pola Xunta en 2010 co fin de axudar ás administracións locais a financiar este tipo de proxectos municipais que inciden de forma positiva na calidade de vida da veciñanza.
Desde entón, mobilizáronse ao redor de 163 millóns de euros para o financiamento de máis de 410 iniciativas urbanísticas en decenas de concellos galegos co fin de habilitar ou recuperar equipamentos públicos e poñer en valor as súas contornas urbanas. De feito, o Concello de Vilasantar xa acometeu varias actuacións ao abeiro desta liña de axudas, tales como a construción dunha pista polideportiva na zona de Présaras ou o acondicionamento da rúa Foro.
Ademais, a Xunta destinará 8,6 millóns de euros este ano a seguir apoiando aos concellos neste tipo de obras, un 23% máis que o orzamento reservado a tal fin en 2022.