— O obxectivo é incrementar o coñecemento e competencias en ciencia e tecnoloxía do alumnado, así como a mellora da calidade de vida das persoas con parálise cerebral
— Co apoio da Xunta, o programa é promovido polo CITIC da Universidade da Coruña e por ASPACE Coruña
Unha decena de centros educativos participarán na terceira edición do programa Talentos Inclusivos, unha iniciativa que conta coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, e promovida polo Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña e a Asociación de Pais de Persoas con Parálise Cerebral (ASPACE) da Coruña para facilitar a inclusión das persoas con diversidade funcional.
O obxectivo do programa é incrementar o coñecemento e competencias no ámbito da ciencia e da tecnoloxía da mocidade a través da participación activa e colaborativa no desenvolvemento de desafíos tecnolóxicos. Para iso, créanse grupos de traballo formados por persoas con parálise cerebral e alumnado dos centros educativos (entre 3º de ESO e 2º de Bacharelato, así como de ciclos de Formación Profesional de grao básico) para resolver, mediante o emprego da tecnoloxía, retos que sexan de aplicación directa para mellorar a calidade de vida das persoas que presentan parálise cerebral.
Os centros participantes na terceira edición desta iniciativa son os reflectidos na seguinte táboa:
Provincia Concello Centro
A Coruña A Coruña IES Ramón Menéndez Pidal Zalaeta
A Coruña A Coruña CPR Calasanz – PP Escolapios
A Coruña Betanzos IES As Mariñas
A Coruña Culleredo IES Rego de Trabe
A Coruña Ferrol IES Saturnino Montojo
A Coruña Ferrol IES Sofía Casanova
A Coruña Oleiros IES Miraflores
A Coruña Narón IES Terra de Trasancos
A Coruña Ortigueira IES de Ortigueira
Ourense Ourense CPR Santa Teresa de Jesús
Os retos tecnolóxicos definiranse durante os primeiros meses do proxecto e serán resultantes da interacción entre os axentes participantes. No que atinxe ás diferentes solucións tecnolóxicas poderán empregarse a realidade aumentada con scratch, a robótica, a domótica de baixo custo (automatización de dispositivos como luces, portas, climatización…), os produtos de apoio para o acceso ao computador con placas Makey-Makey, a impresión 3D ou as actividades de lecer accesibles baseadas na gamificación.
Na iniciativa tamén colaboran a Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) do Ministerio de Ciencia e Innovación, o Consello Social da UDC e o Concello da Coruña.