Friday 22 de November de 2024

O programa de ocio educativo “Día da Xuventude” da Xunta celebra a súa terceira xornada en Vimianzo mañá


— A xornada contará con xogos como tiro con arco, fútbol burbulla ou futbolín humano e con obradoiros de empregabilidade, de igualdade de xénero, de sensibilización medioambiental, de gastronomía saudable e de lecer educativo entre outros

— Tamén haberá a actuación da Asociación Cultural Trubisquiña

A Xunta de Galicia organizará mañá en Vimianzo o novo programa de lecer e educación non formal Día da Xuventude, que conta cunha ampla variedade de actividades, tanto de ocio como de formación, para a mocidade de toda a contorna.

Este novo programa, que terá a súa terceira parada na comarca da Terra de Soneira, comezará a súa programación ás 16:00 horas e prolongarase ata as 21:00 horas.

Durante toda a tarde haberá un gran abano de actividades gratuítas como xogos educativos de gastronomía, tiro con arco, fútbol burbulla, futbolín humano, obradoiros medioambientais, habilidades de empregabilidade. Ademais diso, tamén contarán con información xuvenil e con postos de concienciación sobre a igualdade de xénero. Tamén actuará a Asociación Cultural Trubisquiña.

Toda esta programación non só achegará o ocio e a formación á xuventude galega —pois pasará por 30 localidades de todo o territorio—, senón tamén favorece á conciliación da vida familiar e laboral. Cómpre recordar que o Día da Xuventude ponse en marcha ao abeiro do Plan Corresponsables, do Ministerio de Igualdade.