Friday 22 de November de 2024

A Coruña participa en Madrid Fusión cun intenso programa de talleres e degustacións de gastronomía atlántica


A cociñeira Sheila Barbeito, do Restaurante Roots, e o cociñeiro Gonzalo Cotelo, do Restaurante Morriña, encabezan a delegación herculina

Será do 23 ao 25 de xaneiro, con demostracións en directo que poderán seguirse tamén vía streaming

O Concello da Coruña, a través do Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña, prepárase para presentar a oferta gastronómica da cidade na vixésimo primeira edición de Madrid Fusión, que se celebra do 23 ao 25 de xaneiro no Instituto Feiral de Madrid. Durante os tres días que dura o congreso, A Coruña contará cun intenso programa de talleres e degustacións co obxectivo de poñer en valor a súa oferta e recursos culinarios, así como posicionarse como destino turístico gastronómico. O Goberno de Inés Rey, que vén de expoñer en Fitur a súa oferta cultural e de ocio para este ano, completa así a presentación do seu potencial turístico en Madrid nun evento cunha importante proxección tanto nacional como internacional.

Á capital de España viaxa unha delegación coruñesa que participará na feira da man da plataforma Saborea España. Serán a cociñeira Sheila Barbeito, do Restaurante Roots, gañadora do Concurso de Tapas Picadillo 2022 na categoría creativa e finalista no Concurso Nacional de Tapas de Valladolid 2022 e o cociñeiro Gonzalo Cotelo, do Restaurante Morriña, gañador do Concurso de Tapas Picadillo en 2015; en 2019 destacado pola mellor tapa tradicional e en 2020 pola mellor tapa na categoría maridaxe.

No stand da Coruña haberá demostracións de produtos da lonxa coruñesa, sesións vermú, showcookings ou talleres, así como degustacións para promocionar as Xornadas Gastronómicas Territorio Atlántico-Reserva de Biosfera, San Xoán, o Concurso de Tapas Picadillo, as Xornadas Lacónicas ou Boucatise.

Gonzalo Cotelo encargarase do Taller de tapas: Picadillo “Mar e Terra”. Será o luns día 23ás 11:20h. Pola súa banda, o martes 24 ás 12:40h, a cociñeira Sheila Barbeito protagonizará o Taller de tapas: “Gyozas Lacónicas”. E por último, o mércores 25 ás 13:00h, o Taller de tapas versará sobre os “Bocados da Reserva de Biosfera” de novo a cargo de Gonzalo Cotelo en colaboración con Paula Patiño de Acastrexa.

Ademais, ese mesmo mércores hai programado un taller con xornalistas/axencias de viaxe desde as 10:30 horas. Baixo o título “Escabeches con produtos da Lonxa da Coruña”, abordaranse os distintos procedementos para a conservación do peixe fresco e as súas distintas aplicacións na cociña. Todos os talleres poderán seguirse tamén vía streaming.

Durante os tres días de Madrid Fusión poderase degustar no posto de Saborea A Coruña produtos da Lonxa da Coruña, Adegas Pagos de Brigante, Adegas Bordel, Vermut ecolóxico Lodeiros, Acastrexa, Os Biosbardos, Conservas La Pureza, PortoMuíños, Queixos Cagiao, Infusións Orballo, Bonilla a la vista, La Empanada Viajera e Amasarte.