Friday 22 de November de 2024

O Concello abre o prazo de inscrición para a segunda edición do proxecto educativo “Imaxina Coruña”


Dende o vindeiro luns 23 de xaneiro, os centros educativos de secundaria e bacharelato poderán achegar as súas solicitudes de inscrición

Os proxectos terán como temática a ciencia e realizaranse a través da aplicación móbil educativa do Centro de Súper Computación de Galicia

O Concello da Coruña abre o prazo de inscrición para a segunda edición do proxecto educativo “Imaxina Coruña” para o curso escolar 2022-2023, unha iniciativa municipal que pretende difundir a cultura científica e tecnolóxica entre o alumnado de secundaria. O prazo de inscrición comeza o vindeiro luns 23 de xaneiro e permanecerá aberto ata o 15 de febreiro e poden presentarse todos os centros educativos
con sede na cidade da Coruña e área metropolitana que conten con grupos de alumnado de educación secundaria obrigatoria e bacharelato.

Este ano a temática escollida para os proxectos é a ciencia cidadá. Os equipos deberán desenvolver unha investigación utilizando a aplicación móbil educativa do CESGA (Centro de Súper Computación de Galicia), aplicando as TIC ao ámbito educativo e aprendendo a utilizalas dunha forma segura. O proxecto finalizará coa presentación pública dos experimentos ou materiais creados que cheguen á fase finalista.

Cada centro educativo poderá solicitar participar cun máximo de 3 grupos de entre 2 e 4 participantes e un profesor ou profesora das materias relacionadas coa actividade, que liderará o grupo ou grupos participantes e responsabilizarase do alumnado que os integra. O persoal docente designado por cada centro servirá de ligazón co persoal municipal responsable do programa. Poderán participar un máximo de 40 grupos e a prioridade será a participación do maior número de centros posibles. O Concello correrá cos gastos en concepto de material funxible que estea relacionado co traballo para desenvolver ata un máximo de 150 euros por cada grupo participante.