A exposición, producida polo Auditorio a partir da iniciativa da asociación Unha Gran Burla Negra, inaugúrase o martes que vén, 24 de xaneiro, ás 20.00 horas. Comisariada por Germán López Labrador, permanecerá aberta todos os días ata o 21 de maio, con entrada de balde.
O Auditorio de Galicia arranca a súa programación expositiva de 2023 con ‘Sempre Máis. Arte, ecoloxía e protesta na Galiza do Prestige’. A mostra foi presentada esta mañá na sala de prensa do Concello coa presenza da concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón; do comisario da exposición, Germán Labrador; e do director-xerente do Auditorio de Galicia, Xaquín López. Trátase dunha iniciativa da asociación Unha Gran Burla Negra (UGBN), con produción do propio Auditorio, que se inaugurará o vindeiro martes, 24 de xaneiro, ás 20.00 h, na sala Isaac Díaz Pardo do Auditorio de Galicia. A mostra permanecerá aberta todos os días ata o 21 de maio con entrada de balde, de 10.00 a 14.00h e de 16.00 a 20.00h.
‘Sempre Máis. Arte, ecoloxía e protesta na Galiza do Prestige’ reivindica os vinte anos do aniversario do afundimento do petroleiro, poñendo o foco na memoria, a creatividade, e as protestas para reflexionar sobre a necesidade hoxe de seguir xuntando a defensa da democracia e a da ecoloxía. Un traballo que parte dos fondos do Arquivo Vivo da Asociación Cultural Unha Gran Burla Negra, que leva acompañando os legados do Nunca Máis dende o ano 2017 e que se apoia tamén nunha rede de artistas, investigadoras, activistas e compañeiras.
‘Sempre Máis’ procura abrir preguntas incómodas, imaxinar mundos e partillar loitas. A mostra quere dignificar a desbordante creatividade popular do Nunca Máis, dunha arte que non foi tomada en serio como tal, porque estaba vestida de materias precarios: papel, cartón, piche, materias de refugallo, plásticos ou píxeles. A forza material desas creacións aínda nos interpela.
Máis de 150 pezas organizadas en 5 eixos
No percorrido en sala conviven material histórico inédito da estela da chapapotemaquia do que forma parte o Prestige ou o Casón, con pezas feitas especificamente para esta exposición na procura de refacer parte da iconografía da protesta do Nunca Máis que xa estaba perdida. Máis de 150 pezas entre pancartas, carteis de protesta, fotografías, obxectos intervidos, pinturas ou vídeos ás que se suma material documental que dá conta das continuidades da linguaxe estética da loita política e ecolóxica que aínda perviven hoxe.
Pretende así reflexionar sobre a continuidade que o Nunca Máis afirmou entre estética e política, entre arte e documento, entre público e cidadanía, entre festa e protesta, entre tradición e creación, entre natureza e cultura. Sempre Máis non quere nostalxia nin celebración. Non quere dicir «contra Fraga protestabamos mellor». Quere resintonizar coas potencias dunha Galicia creadora, dona dun relato de seu e das afíns.
Ao tempo, ese Sempre Máis tamén nos advirte dos riscos dun porvir que se presenta toda hora como catástrofe e dun capitalismo acelerado que nos reclama sempre máis: máis extracción de recursos, máis mobilización de afectos e subxectividades, máis consuncións. Respecto desas demandas sempre seremos máis, contra os poucos que se benefician dun mundo concibido como permanente incremento de capital.
Organizada en cinco eixos, o primeiro analiza a construción dunha conciencia ecolóxica a partir da memoria das loitas veciñais e ambientais desde os anos setenta. En segundo lugar, interrógase pola relación entre pacifismo e ecoloxía ante os desafíos propios do século XXI, nun contexto global de esgotamento do petróleo. Como terceiro punto, presenta as formas artísticas da protesta do Prestige a partir das tradicións populares galegas e, especialmente, da estética do entroido. En cuarto lugar, estuda as formas de arte que xurdiron a partir do 2002 dende a observación e o diálogo coa natureza. E, finalmente, defende a capacidade do Nunca Máis de traballar en rede e de activar formas de imaxinación política útiles para o futuro.
Germán Labrador
Germán Labrador Méndez é director da división de Actividades Públicas do Museo Reina Sofía. Profesor no Departamento de Español e Portugués da Universidade de Princeton dende 2008. Catedrático desta institución desde 2018. Profesor visitante na Universität Hamburg (DAAD). Profesor visitante en CUNY-The Graduate Center. As súas investigacións no ámbito da historia cultural, especialízanse no estudo dos mundos ibéricos na época contemporánea, a partir das relacións entre estética e política, cidadanía e memoria. É o autor de “Letras arrebatadas. Poesía y química en la transición española” (Devenir, 2009) e “Culpables por la Literatura. Imaginación política y contracultura en la transición española (1968-1986)” (Akal, 2017). Foi un dos comisarios da exposición “Poéticas de la democracia. Imágenes y contra-imágenes de la transición española” (MNCARS 2018-2020) e colaborou como asesor na nova presentación da Colección do MNCARS. Ten publicado máis dun centenar de edicións, artigos de investigación, capítulos de libros e outros textos académicos, en revistas e editoriais nacionais e internacionais.
Unha Gran Burla Negra
Unha Gran Burla Negra (UGBN) é unha Asociación Cultural nada en 2017 co propósito de activar a memoria colectiva e promover a reflexión cidadá sobre os acontecementos que rodearon á catástrofe do Prestige en novembro de 2002. O nome amadríñaos intencionadamente co colectivo Burla Negra, pata cultural do movemento Nunca Máis, forzas ambas que representaron e promoveron a dignidade cidadá. O labor da AC Unha Gran Burla Negra fundaméntase na construción dun Arquivo Vivo, unha práctica baseada na procura, custodia, coidado, estudo, catalogación, exposición, reflexión e mediación da morea de pezas artísticas, poemas, imaxes, músicas, textos, intervencións e testemuñas – anónimas ou non – producidas pola cidadanía desbordando as rúas e os medios durante os meses da catástrofe. Os fondos do arquivo proveñen principalmente de doazóns de colectivos e particulares. O Arquivo Vivo aspira a ser plenamente accesible, consultable e aberto.