Dada a demanda que tiveron as dúas edicións do curso de iniciación á lingua de signos, o Concello da Pobra do Caramiñal decide dar un paso máis e oferta-lo nivel A1, tal e como anuncia a concelleira do Desenvolvemento Local, Amparo Cerecedo (BNG), acompañada da orientadora laboral, Blanca Álvarez, e do axente de emprego e desenvolvemento local, Luís Miguel Domínguez.
A edil remarca a importancia desta aposta da Administración local que “favorece a comunicación e a inclusión”. Tamén indicou que se continúa traballando na homologación dun espazo municipal para os certificados de profesionalidade.
A Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia será a encargada de imparti-la formación nos luns e mércores do período comprendido entre o día 15 de febreiro e o 22 de maio. Haberá dous grupos para facilita-la asistencia das persoas interesadas. Un será na quenda da mañá, de 11.00 a 13.30 horas, e outro na da tarde, en horario de 16.00 a 18.30 horas. As clases terán lugar na aula multiúsos da Casa da Mocidade.
Abordaranse seis unidades didácticas con contidos gramaticais, léxicos, socioculturais e pragmáticos propios do nivel básico.
O prazo de inscricións permanecerá aberto do día 23 ao 27 de xaneiro, ambos inclusive. As solicitudes de participación nesta acción formativa entregaranse no rexistro do Concello ou na sede electrónica, xunto coa copia do DNI. Establécese un límite de 20 prazas por grupo que se cubrirán pola orde de entrada. Habilítase o teléfono de contacto 981377610 para máis información.