Saturday 16 de November de 2024

A Coruña acollerá a finais de xaneiro unha mostra que percorre a vida e obra do arquitecto Ramón Vázquez Molezún


O Concello e o Colexio Oficial de Arquitectos de Madrid colaboran de forma conxunta para promover esta exposición, que estará aberta ao público na Fundación Luís Seoane desde o vindeiro mércores 25

O Concello da Coruña e o Colexio Oficial de Arquitectos de Madrid (COAM) exhibirán, desde o vindeiro mércores 25 de xaneiro, unha mostra que percorre a obra e múltiples lecturas do legado que deixou o arquitecto coruñés Ramón Vázquez Molezún, gañador do Premio Nacional de Arquitectura no 1954. ‘Paisaxes’, exposición que estará aberta ao público na Fundación Luis Seoane, analiza os proxectos individuais de Vázquez Molezún e tamén os que executou co arquitecto e académico madrileño José Antonio Corrales, formando un equipo de arquitectos españois dos máis lembrados, relevantes e fructíferos na segunda metade do século XX, tras asociarse ambos os dous nos anos cincuenta.

A mostra, eminentemente visual, combina materiais de diversa índole que reflicten a evolución persoal e profesional de Vázquez Molezún, plasmada a través de pinturas, fotografías, maquetas e planos orixinais da súa obra, visible na Coruña en puntos como a avenida de Arteixo, as rúas Juan Flórez e Concepción Arenal, e tamén na Fundación Barrié.

Xa en outubro do ano pasado, e no contexto da Semana da Arquitectura, o Concello, a Universidade da Coruña (UDC), a ETSAC e a Fundación Luís Seoane, así como a Fundación Barrié como colaboradora, rendéronlle homenaxe á figura e legado de Vázquez Molezún, co gallo do centenario do seu nacemento. Vázquez Molezún era un profundo coñecedor da cultura local, e, tras o seu periplo profesional por Europa, quixo deixar o seu selo na súa cidade natal.

Novo acordo de colaboración entre o Concello e o COAM

A acollida e promoción desta mostra na cidade é froito do acordo de colaboración establecido entre o Concello e o Colexio Oficial de Arquitectos de Madrid (COAM), acordo que permitirá que A Coruña sexa receptora de futuras exposicións de interese nacional no eido da arquitectura, iniciativa que se enmarca no pulo dado polo Goberno de Inés Rey á proxección da cidade con eventos culturais de ámbito nacional.