Friday 22 de November de 2024

Cultura e Educación pon en marcha no Gaiás unha nova edición do ciclo ‘Nexos’ cunha sesión dedicada á literatura portuguesa


A sesión inaugural contou cun triplo relatorio a cargo de Antonio Cardiello, que introduciu ao público no centenario da revista Orpheu; coa escritora Maria Martelo, que fixo unha semblanza de Herberto Helder; e cun dos nomes máis relevantes da prosa portuguesa: Lídia Jorge

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria inaugurou hoxe no Gaiás unha nova edición de ‘Nexos’, ciclo de cultura contemporánea da Cidade da Cultura que busca establecer un diálogo entre a literatura e outras áreas do coñecemento. A protagonista desta nova andaina foi a literatura portuguesa do século XX cun triplo relatorio no que se abordou o panorama das letras lusas coincidindo coa celebración do centenario da mítica revista Orpheu. A sesión inaugural contou coa presenza da directora de Acción Cultural da Cidade da Cultura, María Pereira, e do vice-cónsul de Portugal Manuel Correia da Silva.

‘A literatura portuguesa despois da revista Orpheu’ contou coa presenza de Antonio Cardiello, doutor en filosofía, investigador, editor e consultor da Casa Fernando Pessoa; quen precisamente se encargou de dar conta da importancia desta publicación no marco cultural portugués. Xunto a el tamén estivo Maria Martelo, profesora da Facultade de Letras da Universidade do Porto, investigadora, ensaísta e poeta, que foi a encargada de achegar ao auditorio ao universo creativo e vital de Herberto Helder. A sesión finalizou coa presenza de Lídia Jorge, un dos nomes máis relevantes da prosa portuguesa (condecorada en Portugal coa Gran Cruz da Orde do Infante Don Henrique e en Francia como Dama das Artes e das Letras), que deu conta da súa escrita e das súas lecturas.

Para completar esta primeira sesión, ‘Nexos’ contou con Carlos Quiroga, profesor de literaturas lusófonas da Universidade de Santiago de Compostela, que leu nos instersticios textos dos tres protagonistas do día: a revista Orpheu, Herberto Helder e Lídia Jorge. O colofón chegou coa proxección da curtametraxe “As deambulações do mensageiro alado” sobre a figura de Herberto Helder, inédita ata o de agora en Galicia.

Sesión infantil paralela
Do mesmo xeito, os máis pequenos tamén puideron achegarse á literatura portuguesa a través do ‘Nexos infantil’, sesión paralela para nenos de 5 a 12 anos baseada na tripla fórmula de ler, facer, falar.

Nesta primeira sesión, os participantes descubriron a proximidade e parentesco das culturas e linguas galega e portuguesa. Guiados polos monitores, os nenos situaron no mapa da Península Ibérica os fitos máis importantes de ambos os dous territorios, así como o lugar de procedencia dos autores galegos e portugueses máis destacados.

Tras esta aproximación, os pequenos tiveron a oportunidade de aprender unha canción tradicional portuguesa e de crear novos poemas a partir de versos e textos de autores lusos. Por último, os participantes achegáronse á literatura infantil a través do visionado dunha curta que reproducía o conto de Jorge Amado O gato Malhado e a andorinha Sinhá.

Vindeira sesión o 12 de decembro
‘Nexos’ inicia así unha nova andaina, que terá continuidade en decembro e nos primeiros meses do 2016. A Biblioteca e Arquivo de Galicia será o escenario desta cuarta edición, que mantén unha dinámica xa coñecida polo público da Cidade da Cultura: combinación de relatorios con actuacións artísticas que dean lugar a reflexións estimulantes desde un formato lúdico e orixinal.

E como o obxectivo é ofrecer un aperitivo cultural para as mañás dos sábados, os asistentes están convidados tras a sesión a un viño por cortesía da bodega Martín Códax e as conservas ‘Pan do mar’ de Antonio Pérez Lafuente, facilitando un momento para o diálogo e o intercambio de impresións.

Esta nova programación conta coa colaboración do Instituto Camões de Portugal e, unha vez máis, coa Rede Internacional de Universidades Lectoras.

‘Nexos’ volverá ao Gaiás o 12 de decembro abordando unha temática totalmente distinta: ‘A revolución dixital e a nova Humanidade’. Para falar deste tema, a Biblioteca e Arquivo de Galicia contará coa presenza do investigador e ensaísta arxentino Carlos A. Scolari, que nos desvelará algunhas das claves deste fenómeno e dos seus controvertidos efectos na vida cotiá, na esfera social, no modelo económico e na organización política. A actuación artística correrá por conta de Voltage Opposites, unha proposta onde a danza contemporánea converxe coa videocreación.