Friday 22 de November de 2024

O concello inicia o proceso de elaboración do Plan Local de Infancia e Adolescencia


O proxecto xa foi presentado aos diferentes departamentos municipais e aos equipos directivos dos centros de ensino.

O Concello da Laracha, coa finalidade de avanzar na consolidación dos dereitos dos nenos, vén de iniciar o proceso de elaboración do Plan Local da Infancia e da Adolescencia (PLIA). No pasado mes de decembro celebrouse unha reunión de presentación deste proceso na que participou persoal municipal das distintas áreas municipais. Nela foron expostos os principais aspectos en relación ao PLIA, os seus obxectivos e finalidades, e tamén foron definidas certas cuestións referidas á súa elaboración, como por exemplo as temáticas que debe abordar de forma prioritaria ou a frecuencia coa que se reunirá o órgano encargado do seu seguimento e avaliación.

Este plan consistirá nunha folla de ruta que oriente as políticas municipais en materia de infancia e adolescencia indicando, polo tanto, os retos e metas que se deben acadar para os vindeiros anos neste eido. A concelleira de Sanidade, Servizos Sociais, Igualdade, Emprego e Promoción Económica, Rocío López, destacou que “este paso non é só unha evolución natural do que vén realizando o Concello da Laracha en prol do benestar social e emocional dos nenos, nenas e adolescentes, tamén é unha mostra máis do seu compromiso con eles e elas”.

Para iso, en primeiro lugar, realizarase unha diagnose da situación das nenas, nenos e adolescentes, facendo fincapé nas súas necesidades e preocupacións. Serán analizados diferentes aspectos que teñen impacto no seu día a día, como poden ser a cantidade e calidade dos espazos de lecer destinados a esa poboación, a existencia de recursos e servizos de apoio educativo, a diversidade de modelos familiares ou as actividades deportivas e culturais impulsadas no municipio e que teñen nos nenos e adolescentes o seu público destinatario. Cómpre destacar que esta diagnose pretenderá, así mesmo, detectar a prevalencia de situacións de vulnerabilidade na infancia e adolescencia, como por exemplo a existencia de casos de acoso, a presenza de enfermidades ou o risco de pobreza.

A elaboración do PLIA irá acompañada da creación dun órgano de participación da infancia e adolescencia concibido como un espazo no que poderán debater sobre as súas necesidades e preocupacións, canalizar as ideas e propostas á administración local e a outras entidades, e mesmo realizar actividades que contribúan á mellora do seu benestar social e calidade de vida. Coa creación deste órgano, que estará formado por nenos, nenas e adolescentes e contará co acompañamento técnico por parte de persoal municipal e profesorado dos centros de ensino, preténdese contribuír á consolidación do dereito de participación infantil, sendo esta unha das pezas angulares segundo a Convención sobre os Dereitos do Neno e requisito para poder optar ao recoñecemento do Concello da Laracha como Cidade Amiga da Infancia que outorga Unicef.

Colaboración cos centros de ensino

Nesta semana celebrouse unha reunión cos equipos directivos dos centros educativos que imparten educación primaria e secundaria no termo municipal da Laracha coa finalidade de expoñerlles este proceso dado que colexios constituirán un elemento chave no impulso do mesmo, en especial na creación do órgano de participación.

Na reunión avanzouse no procedemento para a súa constitución, determinando os prazos nos que se celebrarán os encontros participativos nos centros escolares e deseñando algunhas cuestións ao respecto do órgano, como son as idades idóneas dos nenos, nenas e adolescentes que o conformarán ou o número ideal de membros que deberá ter. Por parte dos equipos directivos houbo consenso na necesidade de impulsar un espazo destas características, así como de realizar actividades a través das que poidan visibilizar as súas necesidades e trasladar ideas aos responsables municipais para a mellora do seu benestar. Neste sentido, a concelleira Rocío López puxo en valor que “precisamente esta iniciativa vai contribuír a que os nenos, nenas e adolescentes teñan voz e as súas propostas sexan escoitadas, así como a que acaden unha maior implicación e colaboración na mellora dos políticas municipais”. Desde os centros educativos foi mencionado que para os nenos e nenas a participación nesta iniciativa contribuirá de forma directa ao seu desenvolvemento emocional, cognitivo e social, sendo unha ferramenta cunha alta compoñente pedagóxica.

Amplo proceso de participación

Ademais da participación directa das nenas, nenos e adolescentes, este proceso porá en marcha outras vías de participación que irán dirixidas á cidadanía en xeral e ás familias e aos axentes implicados no desenvolvemento de infancia e adolescencia en particular. Entre eles pode mencionarse ao persoal responsable de equipamentos ou servizos impulsados desde a Administración Pública e dirixidos á poboación infantil, iniciativas empresariais no ámbito do lecer e tempo libre ou clubs deportivos ou asociacións culturais que organizan actividades destinadas á infancia, entre moitos outros. Ao respecto destas vías, pode destacarse a posta en marcha dunha consulta cidadá en liña que será publicada proximamente para que calquera persoa interesada no benestar da poboación infantil poida achegar as súas ideas e propostas, ao tempo que mencione aqueles retos ou necesidades que percibe.

Segundo Rocío López, este proceso no seu conxunto “constitúe unha iniciativa ambiciosa que, mediante a actuación en diferentes frontes e coa posta en marcha de múltiples accións, vai contribuír a un maior coñecemento das necesidades e retos que ten o municipio en materia de infancia e adolescencia e, en base a este, levaranse a cabo actuacións que afondarán na mellora do benestar social da poboación infantil en particular e da cidadanía larachesa en xeral”.