Para a elaboración da candidatura de Santiago non se tivo en conta ao subsector das Vivendas de Uso Turístico, xa que no 2022 este subsector non entrou no proceso de asesoramento polo Ente Xestor do destino. O concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte, destacou que o Sistema Integral de Calidade Turística está “na liña na que queremos evolucionar o noso modelo turístico, un modelo de calidade, rendible economicamente, con mellor calidade no emprego e, en resumo, máis sostible”.
O Alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, recolleu en Fitur o premio a Mellor destino Sicted de España, un premio que lle entregaron a Secretaria de Estado de Turismo, Rosana Morillo, e o presidente da comisión de Turismo da Federación Española de Municipios e Provincias, Alfonso Rodríguez.
O premio destaca o compromiso do Ente Xestor do destino, neste caso de Turismo de Santiago, en prol da competitividade dos servizos turísticos e do destino en xeral a través do fomento da calidade. Tamén destaca o pulo ao proxecto do Sistema Integral da Calidade Turística Española en Destinos (SICTED).
Ademais, o concelleiro de Turismo de Santiago, Sindo Guinarte, recolleu o segundo premio que conseguiu a cidade na categoría de “Mellor proxecto de mellora de destino SICTED”, grazas a un Plan de Comunicación e Marketing do SICTED. O Plan desenvolveuse no 2022 cos obxectivos xerais de fomentar a calidad en destino e de promocionar os establecementos e empresas comprometidos coa calidade a través do SICTED.
Finalmente, Marisa y María José Gil Nieto, representantes das Casas do Cebro e de Afora, recolleron o terceiro premio na categoría de “Mellor actuación de Sostibilidade SICTED”. Ambas casas, ubicadas no lugar de Correxíns, na parroquia compostelá de Figueiras, exemplifican o compromiso coa calidade turística e a sostibilidade en Santiago.
Nos últimos anos, dende Turismo de Santiago fíxose un traballo de asesoramento específico para apoiar a estes aloxamentos na introdución de innovacións encamiñandas cara a sostibilidade, seguindo os criterios marcados na Axenda 2030.
Os premios do SICTED avalan o compromiso de Santiago co fomento da calidade no sector turístico como unha ferramenta fundamental para a evolución do modelo turístico da cidade cara un modelo rendible economicamente, xerador de emprego e harmónico coa vida local.
17 subsectores distinguidos
No 2022 Turismo de Santiago, como ente xestor do SICTED no destino, traballou con 17 subsectores turísticos, conseguindo que se distinguiran 115 empresas e entidades. Non se traballou co subsector das Vivendas de Uso Turístico porque o Concello estaba elaborando unha normativa específica que regulase claramente este tipo de aloxamentos, que actualmente está en proceso de aprobación. A intención é traballar con este subsector no SICTED unha vez esté aprobada a nova normativa e se garanta que todos os aloxamentos deste tipo contan coa necesaria licencia municipal para operar.