Friday 22 de November de 2024

O BNG celebra os avances para a consecución da sede do Club de Remo e avisa que estará vixiante


O BNG clebra con certas reservas a recente publicación no Diario Oficial de Galiza (DOG) que anuncia a concesión da parcela de Portos ao Concello de Ribeira para construír a sede de deportes náuticos na que acoller ao Club de Remo.

Segundo o grupo municipal nacionalista este equipamento é unha necesidade urxente para os deportistas que practican remo xa que as instalacións actuais non reúnen os mínimos de seguridade nin de confortabilidade ao non dispoñer de auga quente, vestiarios, foso de adestramento, espazo para estudo, etc.

O portavoz do BNG Luís Pérez Barral e a concelleira Cruz Rivadulla Márquez, mostran a alegría de que “por fin parece que as cousas comecen a desbloquearse tras anos de xestión nefasta e de parálise nas que o Partido Popular andivo ás voltas facendo ata sete proxectos sen chegar a materializar ningún deles”. Barral asegura que “se Ribeira vai dispoñer dun equipamento destas características, vai ser grazas ao traballo e insistencia do propio Club de Remo e do BNG”.

A pesar do anuncio publicado no DOG, desde o BNG tamén mostran as súas reservas ao lembrar que este equipamento leva prometéndose desde o ano 2018 e asegurouse que ía estar finalizado en 2020. Ante a nefasta xestión e as promesas incumpridas, Pérez Barral advirte que non van consentir que o proxecto sexa un “anuncio electoral”. Neste sentido, avanzou que o BNG manterá a iniciativa plenaria que rexistraron coa proposta de crear unha comisión de seguimento que se reúna cada certo tempo para posibilitar a súa consecución no menor tempo posible. “Imos seguir traballando a carón do club para que sexa unha realidade máis pronto que tarde” concluíu.