Friday 22 de November de 2024

Alternativa de Bergondo reclama ás administracións que supriman restricións ao público e garantan unha atención presencial de calidade


Alternativa leva a pleno unha moción que repasa a situación con respecto á atención ao público a día de hoxe noutras administracións ou organismo como son Seguridade Social, SEPE, oficina tributaria da Deputación (as tres en Betanzos) e o propio concello de Bergondo

Tanto Alternativa dos Veciños de Bergondo coma o seu voceiro municipal, Juan Fariña, maniféstanse con claridade respecto a determinadas prácticas que se asentaron nas administracións públicas con motivo (ou coa escusa) da pandemia de covid 19. Vexamos algunhas das que máis afectan á supostamente recuperada normalidade -da que tanto alardean algúns e algunhas- na súa vida cotián á veciñanza de Bergondo:

SEGURIDADE SOCIAL de Betanzos: As oficinas dese organismo levan meses pechadas ou coa actividade nas mesmas reducida á mínima expresión. Obrigando á cidadanía á acudir a Coruña ou á vía telemática para a realización de trámites, mesmo os máis sinxelos.

SEPE de Betanzos: Limítase o acceso ás persoas nesas dependencias e indícase que “Só se atende con cita previa”. Ademais disto, danse casos aberrantes, polos cales usuarios -tanto de Betanzos e comarca coma de Bergondo- que deben renovar papeis de situación de desemprego son derivadas, para cumprir con eses trámites, a outras oficinas en concellos moi afastados xeograficamente.

OFICINA TRIBUTARÍA DA DEPUTACIÓN en Betanzos: Á obrigatoriedade de acudir “Só con cita previa” engádese toda unha colección de sinalética colocada durante a pandemia que a día de hoxe non foi retirada e que constitúe unha falta de respecto á cidadanía e que limita ou coarta o acceso da mesma a esas dependencias públicas.

CONCELLO de Bergondo: A día de hoxe permanecen colocados carteis en algúns puntos das dependencias municipais que informan que “SÓ SE ATENDERÁ CON CITA PREVIA”. Por outra banda, o persoal municipal segue tendo a opción do traballo a distancia (teletraballo), cando a razón que a motivou (pandemia e confinamento domiciliario) hai xa moito tempo que decaeu e cando a inmensa maioría dos concellos do noso entorno suprimiron xa tamén hai tempo esa opción para os seus traballadores e as súas traballadoras.

A pandemia de covid 19 provocou, como ben é coñecido, un fondo trauma na sociedade, cuxas consecuencias en forma de perda de vidas humanas ou danos irreversibles para a saúde de moitas persoas están probablemente aínda sen avaliar ou cuantificar na súa totalidade. Con todo -e sen pretender establecer comparacións non axeitadas- a covid 19 tivo outras consecuencias indesexables. Se ben é certo que nos primeiros momentos da pandemia -naqueles infaustos meses da primavera de 2020- tanto a cidadadanía en xeral como a administración en particular tiveron (tivemos) que artellar solucións de urxencia -obrigadas polo confinamento domiciliario- para que a parálise non afectase a case todos os nosos ámbitos, certo é tamén que cabía agardar que unha vez superada con creces a situación máis crítica e o pretendido retorno da normalidade, tan invocado e cacarexado por algúns, fose xa unha realidade e regresase na súa integridade, e que dita normalidade retornase tamén ás adminstracións públicas. Iso non sucedeu. Ben ao contrario. Mesmo se diría que a pandemia ten sido aproveitada por todas ou case todas as administracións para consolidar restriccións á cidadanía ou asentar comodidades/vantaxes laborais do persoal a servizo das administracóns públicas.
A atencíón á cidadanía nos organismos ou servizos públicos é para Alternativa dos Veciños algo fundamental e principal. E estámonos a referir concretamente á atención presencial. Outro tipo de servizos que pode proporcionar a administración como son as diversas xestións realizables a través das diferentes canles electrónicas enriquecen a oferta que se pode e se debe proporcionar á cidadanía, para que esta elixa, tanto en función das súas necesidades como da disponibilidade horaria e de desprazamentos, etc. É dicir, os novos instrumentos enriquecen a oferta e son útiles. Mais o que NUNCA pode nin debe implicar a existencia desas novas ferramentas é a disminución ou supresión da atención presencial usando como excusa as novas posibilidades que a tecnoloxía ofrece. Tampouco nos parece axeitado que as novas tecnoloxías se empreguen para fomentar ou amparar hábitos de traballo a distancia dos empregados pùblicos, mentres magníficas instalacións ou oficinas públicas, onde se investiron, invisten ou investirán cuantiosas sumas de diñeiro dos impostos de tod@s están medio baleiras acotío. Estamos en contra do teletraballo ou traballo a distancia na administración pública, e dicímolo ALTO E CLARO.

Con respecto á diagnose que facemos proporemos aos demais grupos da corporación, no pleno do vindeiro xoves 26 acordar os seguintes puntos:

Primeiro: Instar ao Ministerio de Inclusión, Seguridad Social y Migraciones a que faga as xestións pertinentes para que se retome a atención presencial -e co persoal necesario, presente nas oficinas- para garantir unha atención de calidade á cidadanía nas súas dependencias da Seguridade Social en Betanzos.

Segundo: Instar ao Ministerio de Trabajo y Economía Social a que execute os cambios necesarios para garantir unha atención totalmente presencial e de calidade nas súas oficinas en Betanzos, suprimindo limitacións se aforo ou acceso xa totalmente extemporáneas neste momento. E por outra parte, garantindo a posibilidade de realización de trámites nese lugar ás persoas da comarca, evitándolle desprazamentos enormes e innecesarios á cidadanía.

Terceiro: Instar á Deputación da Coruña a que suprima toda a sinalética covid, que limita tanto o acceso como a permanencia dentro da súa oficina tributaria de Betanzos. E a que se garanta a atención presencial á cidadanía nesas instalacións.

Cuarto: Instar á alcaldesa de Bergondo a que decrete a fin da opción de teletraballo para todo o persoal a servizo da adminstración municipal de Bergondo e que mande retirar a cartelaría que aínda advirte que “SÓ SE ATENDERÁ CON CITA PREVIA” ou se substitúa a mesma por outra que indique que “TAMÉN SE ATENDERÁ CON CITA PREVIA”