― Trenor participou tamén na presentación da ponencia Terras de Compostela- turismo natural destacando que “este xeodestino é un dos destinos culturais máis relevantes de Galicia polo gran significado que ten o paso das oito variantes do Camiño Santiago”
― O delegado da Xunta sinalou que a innovación, a calidade e a excelencia teñen que seguir sendo a folla de ruta para consolidar as excelentes cifras do ano pasado en Galicia
O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, participou na ponencia Gastronomía da Ría de Muros-Noia, sostible por natureza dentro das presentacións da programación de Galicia, que se levaron a cabo en Fitur, a Feira Internacional de Turismo que se celebra en Madrid que rematará o domingo 22 de xaneiro.
O delegado territorial destacou, na súa intervención, que “Galicia superou cun gran éxito a celebración do Xacobeo 21-22 froito da nosa versión máis galega da prudencia e da sensatez e nese éxito xogou una papel fundamental a provincia da Coruña porque foi a que liderou este espectacular ano”. Neste senso, sinalou que a innovación, a calidade e a excelencia teñen que seguir sendo a folla de ruta para consolidar as boas cifras do ano pasado en Galicia e máis concretamente nesta comarca.
O representante do goberno autonómico destacou que o “apoio da Xunta aos distintos xeodestinos de Galicia ten por obxectivo a diversificación da oferta e que a actividade turística sexa quen de dinamizar as economías locais, contribúa a poñer en valor os recursos naturais, culturais e etnográficos e que se sitúen como un instrumento eficaz de reequilibrio territorial, nomeadamente no rural galego”.
Trenor puxo en valor “o excelente traballo dos alcaldes e de todo o equipo do xeodestino Muros-Noia e en relación coas súas potencialidades turísticas destacou que “a mellor definición sería unha Galicia en pequeno dentro dunha Galicia máis grande, porque este espazo ten todo para extractar nunha soa viaxe a esencia da nosa comunidade”. “Praias espectaculares, paisaxes únicos, unha importante riqueza histórica chea de cultura e tradicións, unido a unha excelente gastronomía, fan que cada ano sexan máis os turistas que se animan a descubrir este espazo do sur da nosa provincia”, recalcou.
Neste senso, animou aos seus responsables a seguir traballando como ata agora apostando por novas estratexias que permitan que este territorio avance no camiño da sustentabilidade e da mellora da competitividade turística.
Terras de Compostela
O representante do Goberno autonómico tamén participou na presentación Terras de Compostela-turismo natural. O representante do Goberno galego destacou que “este xeodestino é un dos destinos culturais máis relevantes de Galicia polo gran significado que ten o paso das oito variantes do Camiño Santiago, o que forma da esencia de cada un dos seus concellos e da oferta turística que ofrecen”
Trenor recalcou ademais que “Terras de Compostela perfílase como o destino ideal para o turismo natural e rural que cada ano gaña máis adeptos” e destacou especialmente o esforzo que está facendo este GDR en materia de formación para oferecer tamén un destino turístico de calidade.
Trenor rematou a súa intervención subliñando que “a colaboración entre administracións e o sector turístico sitúanos no camiño correcto para fortalecer a marca turística do Galicia”.