O BNG realizará un acto o venres 20 de xaneiro, ás 20:30h no centro social de Boiro para conmemorar os 40 anos da súa fundación. Corenta anos que segundo o responsábel do BNG na Barbanza, Luís Pérez Barral, “demostran que o BNG é un proxecto sólido, con raíces firmes e cargado de presente e de futuro”. No acto intervirán a deputada Rosana Pérez, o militante Santos Saborido, o autor do libro Manuel Anxo Baz e o presidente da Fundación Galiza Sempre Rubén Cela
Barral indicou que o Bloque celebra este 40 aniversario “en plena forma e disposto a saír a gañar para darlle un futuro mellor aos galegos e galegas”. Desde o BNG destacan que tras acadar un resultado histórico nas pasadas eleccións galegas o horizonte é darlle unha alternativa real aos galegos e galegas nos concellos. “Sabemos que temos nese camiño que conseguir un reto importante que é que o BNG sexa a forza maioritaria dos galegos e das galegas coa que poidamos construír un país mellor” apuntou o responsábel comarcal.
“Quero dicirlle á xente moza que pelexa por un traballo digno, ás persoas maiores que non dan estirado máis a pensión, ás familias que non chegan a fin de mes, aos mariñeiros que loitan por cubrir custos; ás persoas autónomas que fan malabarismos para manter en pé os seus negocios, todos e todas poden contar co BNG para conseguir unha saída xusta e galega desta crise” apuntou.