Saturday 16 de November de 2024

A Xunta instala caldeiras de biomasa nos xulgados de Ortigueira, Marín, Xinzo de Limia e Mondoñedo e no edificio administrativo do Barco de Valdeorras


Esta actuación supón un investimento superior aos 200.000 euros e permitirá consolidar uns aforros de máis de 33.000 euros anuais en combustible

A Vicepresidencia da Xunta, en colaboración coa Consellería de Economía, Emprego e Industria, vén de instalar cinco caldeiras de biomasa nos xulgados de Ortigueira, Marín, Xinzo de Limia e Mondoñedo e no edificio administrativo do Barco de Valdeorras.

Estas actuacións supoñen un investimento superior aos 200.000 euros o que permite consolidar uns aforro de máis de 33.000 euros ao ano en gasóleo, é dicir, en torno ao 50 por cento do seu consumo actual deste combustible.

A Vicepresidencia da Xunta é a responsable do mantemento das infraestruturas xudiciais e dos complexos administrativos. No exercicio desta competencia promocionase a substitución daqueles equipamentos térmicos que empregan combustibles fósiles ineficientes e altamente contaminantes por novas fontes de enerxía.

Neste sentido, a actuación enmárcase na Estratexia Integral de Impulso da Biomasa 2014-2020, que está desenvolver o Goberno galego para incentivar o consumo práctico deste combustible autóctono, menos contaminante que permite colaborar ao desenvolvemento do tecido empresarial de Galicia e á redución dos riscos de incendios forestais.

Múltiples beneficiarios
Esta medida ten múltiples beneficiarios. Dunha banda, os empregados e usuarios dos edificios públicos, que contarán con caldeiras máis modernas e un aumento do grado de confort nas épocas de frío.

Doutra banda, a propia Administración -e por extensión, a cidadanía-, porque o combustible que empregan estes equipamentos térmicos supón un custe moito menor ao gasóleo, xa que os aforros no custe da materia prima roldan o 50 por cento.

Ademais tamén se ve beneficiada a sociedade galega no seu conxunto, xa que supón un pulo a un sector en expansión ao contribuír ao fortalecemento do sector industrial galego xerando emprego e previndo os incendios forestais.

O ano pasado a Xunta xa instalara outras cinco caldeiras de biomasa nos xulgados de Becerreá, Chantada, Pobra de Trives, Ribeira e Tui cun investimento de preto de 200.000 euros e que están a xerar uns aforros anuais de en torno ao 47 por cento en combustible.