― Trenor participou na presentación do Plan de sostenibilidade turística da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e afirmou que estamos ante o mellor exemplo de que cando se traballa en equipo, cuns obxectivos claros é posible potenciar novos espazos turísticos
― O representante do Goberno galego puxo en valor o esforzo da Mancomunidade de Ordes para consolidarse como un xeodestino propio para xerar riqueza nos seus municipios
― O delegado da Xunta sinalou que a innovación, a calidade e a excelencia teñen que seguir sendo a folla de ruta para consolidar as excelentes cifras do ano pasado en Galicia
O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e a directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro, participaron na ponencia Barbanza Arousa, a emoción de descubrir dentro das presentacións da programación de Galicia, que se levaron a cabo en Fitur, a Feira Internacional de Turismo que se celebra en Madrid desde hoxe mércores e que rematará o domingo 22 de xaneiro.
O delegado territorial destacou, na súa intervención, que “Galicia superou cun gran éxito a celebración do Xacobeo 21-22 froito da nosa versión máis galega da prudencia e da sensatez e nese éxito xogou una papel fundamental a provincia da Coruña porque foi a que liderou este espectacular ano”. Neste senso, sinalou que a innovación, a calidade e a excelencia teñen que seguir sendo a folla de ruta para consolidar as boas cifras do ano pasado en Galicia e máis concretamente nesta comarca.
O representante do Goberno autonómico puxo en valor “o excelente traballo do xeodestino de Barbanza Arousa para ofrecerlle ao visitante todo o que pode descubrir neste territorio”.
Neste senso, apuntou que “unha das mellores novas destes días foi a confirmación de que os portos deste xeodestino recibirán 1,3 millóns de euros para potenciar a ruta marítima Traslatio o que lles permitirá renovar e melloras as súas infraestruturas dentro do Plan do Xacobeo Next Generation, que conta para toda Galicia con 39 millóns de euros”. Trenor sinalou que “actuacións coma estas contribuirán decididamente no proceso de reactivación dos viaxeiros, que valoran produtos turísticos como os que se ofertan neste destino, baseados na natureza, o contacto coa poboación local e a calidade”.
Trenor rematou a súa intervención subliñando que “a colaboración entre administracións e o sector turístico sitúanos no camiño correcto para fortalecer a marca turística do Barbanza como parte esencial da marca Destino Galicia” e apuntou que “para lograr este obxectivo esta mancomunidade conta coa Xunta de Galicia”.
Reserva da Biosfera As Mariñas coruñesas
O representante do Goberno autonómico tamén participou na ponencia Lanzamento do plan de sostenibilidade turística da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas. Durante a súa intervención puxo en valor a excelente promoción da reserva da biosfera As Mariñas Coruñesas Terras do Mandeo que está encomendada á Asociación Desarrollo Rural Mariñas-Betanzos, que lidera o alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso, e subliñou que “o gran éxito do seu traballo radica en valorizar o territorio a través da potenciación dos seus recursos naturais”.
Trenor lembrou que “a declaración das Mariñas Coruñesas Terras do Mandeo como reserva da biosfera, foi primeira que tivo este selo en Galicia”, e afirmou que “estamos ante o mellor exemplo de que cando se traballa en equipo, cuns obxectivos claros e poñendo en valor as grandes posibilidades turísticas dunha comarca é posible crear espazos definidos dentro da marca Destino Galicia”.
Mancomunidade de Ordes
O representante do Goberno autonómico tamén participou una presentación Visitas guiadas por terras da comarca de Ordes. O representante do Goberno galego destacou “o gran avance que supón para esta mancomunidade acadar o recoñecemento como xeodestino propio. Non foi un camiño fácil pero este éxito permitirá xerar riqueza nos vosos municipios”. “Os concellos desta zona ofrecen a posibilidade de dar un paseo pola Galicia auténtica de tradicións e costumes centenarias”, apuntou.
Trenor recalcou ademais que “o Camiño Inglés converteuse por dereito propio nun alicerce fundamental sobre o que se está construíndo a identidade turística desta mancomunidade. É un dos itinerarios que avanzou de maneira inequívoca gañando peso e popularidade entre os peregrinos e situouse como un roteiro atractivo para o que quere facer un Camiño diferente”.
O delegado da Xunta rematou a súa intervención apuntando que “co apoio dos axentes do sector, as asociacións, as organizacións e os profesionais e da man das ferramentas e dos recursos turísticos deste territorio, o posicionamento da Mancomunidade de Ordes nos últimos anos está a demostrar a súa capacidade de desenvolvemento excepcional”.