Friday 22 de November de 2024

Rey Varela reafirma a compromiso firme da Xunta na mellora e ampliación dos servizos de atención ás persoas con alzhéimer


O titular autonómico insistiu en que “a prioridade é mellorar a calidade de vida dos galegos e galegas, aumentando a esperanza de vida libre de dependencia e avanzando na mellora das condicións de vida das persoas que xa se atopan nunha situación de dependencia”

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, destacou na inauguración das XIII Xornadas Interdisciplinarias da Federación de Asociacións Galegas de Familiares Enfermos de Alzhéimer e outras demencias (FAGAL), que se celebraron hoxe na Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, o firme compromiso da Xunta de Galicia na mellora e ampliación dos servizos de atención ás persoas que padecen esta doenza, así como a aposta pola prevención, a formación e a sensibilización. Na súa intervención, salientou que “a nosa prioridade é mellorar a calidade de vida dos galegos e galegas, aumentando a esperanza de vida libre de dependencia e avanzando na mellora das condicións de vida das persoas que se atopan xa nunha situación de dependencia”.

Así, Rey Varela lembrou que Galicia conta actualmente con 412 prazas públicas para persoas con alzhéimer repartidas en 13 centros que forman unha rede de atención que chega ás catro provincias. O 43% destas prazas foron creadas nos últimos catro anos, “e cada unha delas significa unha persoa e unha familia máis atendidas”, dixo. Así mesmo, insistiu en que “o mellor apoio que podemos prestar a estas persoas e ás súas familias é ofrecerlles os mellores servizos, coa máxima calidade e eficiencia”. E, ao fío disto, avanzou que traballará na implantación de cara ao vindeiro ano de novos servizos de atención recollidos na Carteira de Servizos Sociais, que contempla unha carteira específica para o alzhéimer.

Ademais, o titular autonómico de Política Social recordou que, no eido da prevención, a Comunidade Autónoma ten dende o ano 2012 un documento marco para a prevención e detección precoz da dependencia, que constitúe a folla de ruta das políticas de prevención e promoción da autonomía persoal ata o 2020. Esta estratexia é unha aposta por anticiparse á presenza do problema mediante a promoción do envellecemento activo, a innovación e a investigación aplicadas ás políticas de prevención, a coordinación coa Consellería de Sanidade ou o reforzo e mellora continua dos recursos, entre outras medidas recollidas no documento.

Formación e papel das asociacións

Por outra banda, Rey Varela sinalou que a demanda de coidados para persoas con condicións de saúde que supoñen situación de especial vulnerabilidade foise incrementando nos últimos anos, polo que cómpre seguir facendo fincapé na formación para “coñecer mellor a enfermidade e, sobre todo, a forma máis adecuada de abordar os seus coidados”.

Ao respecto, referiuse aos manuais, accións formativas e programas que de maneira habitual se desenvolven en Galicia e salientou iniciativas deste ano 2015 como “Xunto nos Coidados”, dirixida a coidadores de menores de idade en situación de dependencia ou os 16 cursos específicos para coidadores de persoas con demencia e que contan coa colaboración de FAGAL. Así mesmo, apuntou que durante este ano continuase co convenio de colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela para investigar a eficacia de tratamentos psicolóxicos para reducir o risco de depresión en mulleres coidadoras de persoas dependentes.

Por último, o conselleiro recoñeceu o bo facer do movemento asociativo tanto no referido á sensibilización da poboación como á axuda que presta a familiares e enfermos na información, orientación e atención dos mesmos.