Friday 22 de November de 2024

José Manuel Pichel renuncia a súa acta de concelleiro: “non podo permitir que se cuestione a honorabilidade deste Goberno Municipal”


O responsable de Medio Rural recoñece o erro de “non lle ter comunicado nin ao alcalde, nin ao resto de compañeiros da Xunta de Goberno que eu tivera unha relación accionarial coa empresa propietaria do inmoble”

Trátase, sinalou, dunha decisión persoal “e tómoa por responsabilidade cun proxecto que non creo que deba nin se mereza quedar empañado por unha acción individual que, a clase política, decidiu aproveitar como pedrada a un goberno solvente, con ideas e con ilusión”.
José Manuel Pichel renunciou hoxe a súa acta de concelleiro de Medio Rural. En rolda de prensa, sinalou que “teño adoptada a decisión persoal” de presentar a renuncia “nun acto de honestidade conmigo mesmo e cos veciños e veciñas que apoiaron este proxecto, porque non podo permitir que se cuestione a honorabilidade deste Goberno Municipal”. Recoñece “que cometín un erro pola miña parte, ao non lle ter comunicado nin ao alcalde, nin ao resto de compañeiros da Xunta de Goberno que eu tivera unha relación accionarial coa empresa propietaria do inmoble”, en referencia ao alugueiro da nave situada en Costa Vella , na que se situaron, de xeito provisional, os servizos de Parques e Xardíns e de Medio Rural.

O concelleiro explicou que “na mañá de onte puxen a disposición do secretario xeral do Concello de Santiago toda a documentación relativa á empresa da que son administrador único e que se atopa inactiva mentres ocupo este cargo público, coma sempre constou na páxina de transparencia do Concello. O informe emitido por Secretaría deixa claro que “na contratación da nave en cuestión non concorrín en ningunha prohibición de contratar nin nunha situación de incompatibilidade”.

José Manuel Pichel engadiu que “esta decisión é completamente persoal, e tómoa por responsabilidade cun proxecto que non creo que deba nin se mereza quedar empañado por unha acción individual que, a clase política, decidiu aproveitar como pedrada a un goberno solvente, con ideas e con ilusión. Porque entendo que para evitar suspicacias, o mellor é entregar a miña acta de concelleiro. Entrei en política para ser útil ás veciñas e veciños de Santiago, traballei cada día polo rural de Santiago, voume coa satisfacción e a conciencia tranquila. E agora, o útil entendo que é marchar, sen facer ruído e para ensordecer un ruído molesto, interesado, partidista, se fundamento real e sen compaixón nin empatía. Ás veces para gañar hai que retirarse, e eu retírome porque sei que que gaña é o Concello de Santiago. Agora só podo animar aos que ata agora foron os meus compañeiros para que sigan traballando como o veñen facendo”.