Vázquez destaca que o ritmo de construción é elevado debido ás boas condicións meteorolóxicas, pero tamén aos 266 operarios e ás 127 máquinas que están a traballar diariamente na zona
Ethel Vázquez salienta que as obras da autovía da Costa da Morte, que será libre de peaxe, xa alcanzan o 64% da súa execución total, o que garante a súa entrada en servizo no vindeiro verán. A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, xunto coa delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, supervisou hoxe o avance destas actuacións.
Vázquez destacou que o ritmo de construción é elevado debido, por suposto, ás boas condicións meteorolóxicas, pero tamén aos 266 operarios e ás 127 máquinas que están a traballar diariamente na zona. Concretou que isto posibilita que as estruturas estean moi avanzadas, xa ao 85%.
A conselleira reiterou o compromiso da Xunta cos veciños da Costa da Morte ao apostar decididamente por unha infraestrutura que é clave para o dinamismo e o desenvolvemento económico, turístico e social da zona.
Concretou que o Goberno galego sempre foi consciente da necesidade de dotar os veciños dunha vía de comunicación acorde á súa realidade, polo que se traballou arreo, sen que os atrancos e as pedras no camiño fosen impedimento para facer realidade esta infraestrutura.
A titular de Infraestruturas subliñou que o compromiso cos veciños quedou patente, ademais, ao priorizar e axilizar o pagamento das expropiacións, xa que hoxe a totalidade das fincas están pagadas ou consignados e á disposición dos propietarios os fondos no momento en que o requiran.
Cómpre lembrar que a Xunta, mantendo a liña da preocupación e o interese, mantivo distintas reunións con alcaldes e con veciños, co fin de escoitar as súas demandas acordar solucións de cara a poder satisfacelas. Nestas xuntanzas consensuáronse aspectos tan relevantes como a distribución dos enlaces da autovía e en vindeiras reunións abordarase cos veciños a mellor alternativa para paliar as dificultades de acceso que teñen ás fincas situadas na zona da Furoca.