Friday 22 de November de 2024

A Coruña amosa en Fitur o seu potencial turístico para este 2023, baseado na sostibilidade, a internacionalización e a acción cultural


Inés Rey: “Somos unha cidade con personalidade, orgullosa e aberta, cun carácter vangardista e moito que ofrecer como gran capital atlántica”

A alcaldesa, Inés Rey, presentou en Fitur a estratexia turística da Coruña para este 2023, “un ano decisivo para a nosa cidade”. A rexedora presentou a nova imaxe do Consorcio de Turismo e Congresos e repasou os grandes fitos que acontecerán nos próximos meses.

“Somos un destino onde conviven en poucos metros a natureza máis rotunda do noso mar e a cultura máis avanzada dos nosos museos, eventos culturais e os nosos grandes acontecementos”, sinalou Inés Rey. Os eixos da política turística da Coruña para o 2023 serán a sostibilidade, a internacionalización, o turismo de congresos e eventos e a potente oferta cultural.

En materia de sostibilidade, este 2023 iniciarase o Plan de Sostibilidade Turística cun investimento de 3 millóns de euros co obxectivo de reforzar a mobilidade eléctrica, a dixitalización dos servizos turísticos e o posicionamento da Coruña como gran cidade atlántica. A alcaldesa anunciou que grazas a este plan, apoiado polo Ministerio de Turismo e a Xunta de Galicia, A Coruña disporá dun bus turístico eléctrico que permitirá percorrer todo o litoral da cidade de maneira cómoda e eficiente. Ademais, levarase a cabo unha nova ampliación das estacións de BiciCoruña, promovendo o transporte alternativo e respectuoso co medio.

Este Plan de Sostibilidade Turística permitirá crear unha oficina turística virtual e dixitalizar os servizos da ‘Coruña Card’, a tarxeta turística que permite ás persoas visitantes gozar de diferentes vantaxes na súa estadía na cidade. “Grazas a este plan tamén estaremos posicionados como cidade do Atlántico, un referente do país para a práctica de actividades deportivas, náuticas e de surf”, anunciou a alcaldesa. Crearase a marca #CoruñaSurfCity e unha sala temática do mundo do surf no Aquarium Finisterrae onde se recollerá a historia desta disciplina na cidade.

Por outra banda, Inés Rey anunciou a mellora do percorrido do Camiño Inglés da cidade, dentro da aposta do seu Goberno municipal pola posta en valor do patrimonio. Mellorarase a accesibilidade e a experiencia das persoas peregrinas levando a cabo unha restauración paisaxística profunda. Esta intervención terá unha vertente social, pois as actuacións de melloras levaranse a cabo en colaboración con asociacións de persoas en risco de exclusión.

Internacionalización e turismo de congresos

No eixo da internacionalización, Inés Rey celebrou que por primeira vez na súa historia a cidade terá este 2023 cinco conexións aéreas internacionais. Trátase de Londres e París, xa operativas, Milán e Xenebra, que comezarán as súas rutas en marzo; e Amsterdam, que se incorporará ao longo do ano. Ademais, a alcaldesa asinou un acordo con Iberia para incrementar o número de frecuencias na ruta A Coruña-Madrid na tempada de verán, que comeza o próximo mes de abril. Haberá ata 31 voos semanais, máis dos que había na época previa á pandemia, no 2019.

Ademais, a alcaldesa anunciou un novo acordo con Turismo de Portugal para que a cidade sexa incluída por primeira vez como Destino de Turismo Sénior Portugués. Este feito converterá á cidade nun polo turístico destacado dentro da oferta de viaxes existentes no país veciño.

Por outra banda, Inés Rey tamén quixo facer fincapé na importancia que ten na actualidade o turismo de grandes eventos e congresos. A rexedora sinalou que é unha tendencia que hai que potenciar e lembrou que xa hai 19 grandes eventos e congresos nacionais e internacionais confirmados na cidade para este 2023. “Quero destacar Ecosystems 2030, que elixiu A Coruña como sede permanente co obxectivo de consolidarse como o evento da innovación máis influínte do mundo”, apuntou Inés Rey. Este congreso, que terá lugar os días 4 e 5 de maio, reunirá a 150 líderes e altos executivos responsables de innovación de empresas como Apple, Google, Microsoft ou Amazon.

Outro dos eventos que destacou a rexedora en Fitur foi a volta á cidade da Tall Ships Races Magallanes-Elcano, a regata máis importante do mundo de grandes veleiros, que chegará á Coruña o 24 de agosto.

Por outra banda, Inés Rey anunciou o evento Fly Meeting A Coruña, encontro nacional que reunirá a axentes de viaxe de todo o país e servirá para poñer en valor a cidade como destino.

Programación cultural e de ocio

Inés Rey fixo tamén repaso da extensa oferta cultural e de ocio coa que conta a cidade. Destacou en primeiro lugar a programación presentada onte da ‘Celebración Picasso 1973- 2023’, con máis de 30 actividades programadas ao longo do ano para conmemorar o 50 aniversario do falecemento de Pablo Picasso.

Rey destacou que A Coruña conta cunha programación cultural do máis alto nivel, poñendo como exemplo o Teatro Rosalía de Castro, elixido mellor recinto cultural de Galicia. Tamén destacou as celebracións populares e multitudinarias como as festas de María Pita ou as fogueiras de San Xoán, declaradas de interese turístico internacional. Lembrou que a oferta musical medrou estes anos coa programación do Morriña Fest, que volverá a celebrarse este año 2023 na cidade, e coa apertura do estadio de Riazor aos grandes concertos. Tamén destacou a importancia do Festival Noroeste, que no 2022 foi noticia polo concerto das Tanxugueiras, que reuniron a máis de 80.000 persoas na praia de Riazor.

A rexedora quixo destacar a oferta cultural máis alá do verán. “Somos a cidade co turismo máis desestacionalizado de Galicia e seguramente do noroeste peninsular”, sinalou. Neste 2023 hai programados xa 30 eventos musicais, con numerosa presenza de artistas internacionais como Pixies, Gilberto Santa Rosa, Salvador Sobral, Tini ou Morat e grandes autores nacionais como Joaquín Sabina, Pablo López, Pablo Alborán ou Love of Lesbian.

No mes de outubro terá lugar na cidade un dos eventos de músicas do mundo máis importantes, o Womex 2023. “Un evento no que participarán máis de 3.000 profesionais de 113 países, con máis de 60 concertos na nosa cidade e unha feira con máis de 600 expositores”, sinalou Inés Rey.

Á marxe da oferta cultural, a alcaldesa quixo destacar outro dos aspectos fundamentais para o turismo coruñés: a súa gastronomía e hostalaría. “Contamos cunha atractiva oferta hoteleira, un amplo e variado catálogo de locais, un ocio nocturno fascinante e, sobre todo, unha gastronomía superior. Somos a capital da gastronomía atlántica en calquera das súas formas, da máis popular á máis selecta”, apuntou.

Inés Rey valorou que ese conxunto de puntos fortes posicionan a cidade como un referente nacional e internacional. “O noso ecosistema de cidade, no social, cultural e empresarial, resultou decisivo para ser escollidos para albergar a Axencia Estatal da Supervisión da Intelixencia Artificial”, dixo. “Somos unha cidade con personalidade, orgullosa e aberta, cun carácter vangardista, con moito que ofrecer en diversos aspectos como gran capital atlántica”, concluíu a rexedora.