Friday 22 de November de 2024

A Xunta presenta o proxecto para a nova ampliación do parque empresarial de Bértoa ao tecido productivo de Carballo


 Ángeles Vázquez salienta que o obxectivo é ampliar a superficie nuns 581.000 m2

 Lembra que a Lei de áreas empresariais de Galicia, que entrou en vigor o pasado mes de novembro, ten como obxectivo axilizar, simplificar e flexibilizar a planificación e creación do solo industrial na Comunidade

A Xunta presentou o proxecto para a nova ampliación do parque empresarial de Bértoa ao tecido produtivo de Carballo durante unha reunión que mantivo a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, coa Comunidade de Propietarios do Polígono da localidade, co obxectivo de recoller as achegas que consideren oportunas.

Segundo dixo a conselleira, para avanzar nesta actuación, incluída no Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais de Galicia (PSOAEG), a Xunta destinará un investimento de 18,7 millóns de euros para incrementar a superficie nuns 581.000 m2, que se sumarán aos máis de 718.000 m2 que o Goberno galego puxo a disposición do empresariado coa primeira ampliación deste parque industrial en 2011.

Na actualidade estase a traballar no Plan Estruturante de Ordenación de Solo Empresarial, unha figura que, segundo lembrou a conselleira, está incluída na Lei de áreas empresariais de Galicia, que entrou en vigor o pasado mes de novembro e que pretende axilizar, simplificar e flexibilizar a planificación e creación do solo industrial na Comunidade.

Logo de incidir en que o obxectivo é converter esta área “nun dos polígonos de referencia da provincia da Coruña”, a conselleira explicou que a Xunta destinará este ano preto de 180.000 euros a traballos técnicos coa previsión de redactar e aprobar o proxecto de urbanización e expropiación de solo no primeiro semestre de 2024 e, a continuación, licitar as obras. O obxectivo é rematar esta actuación a mediados de 2025.

A maiores, este parque rexistrou un gran volume de vendas bonificadas. Desde 2015, adxudicáronse preto de 345.000 m2 con bonificacións por importe de máis de 11,2 M€. Cómpre lembrar que a bonificación para a compra nesta área empresarial é do 50% sendo tamén posible a adxudicación de solo en dereito de superficie. Neste segundo suposto, o canon anual é do 1,5% do prezo da parcela sen bonificar os dous primeiros anos; 2,5% o terceiro e cuarto ano, e 3,5% no quinto ano e seguintes. Os adxudicatarios en dereito de superficie poden adquirir despois a parcela.